O BNG insta á Xunta a impulsar medidas para a conservación, mantemento e valoración do patrimonio histórico arquitectónico de Ourense
Desde a formación nacionalista propoñen a inclusión en circuítos turísticos do patrimonio cultural de Ourense a fin de aproveitar estas potencialidades cara un racional e ordenado desenvolvemento económico e social do territorio e da mellora do benestar das persoas que o habiten
Ourense, 30 de setembro de 2024. Hai anos, desde a Facultade de historia do Campus de Ourense advertíase do deterioro que padecían as estruturas dalgúns dos bens que integran o patrimonio histórico - artístico de Ourense malia constituíren unha das súas principais riquezas. Desde o Grupo parlamentar do BNG, o deputado Iago Tabarés sinala que, “Ourense conta con 77 bens catalogados como de interese cultural que se distribúen en 42 concellos, sendo a cidade de Ourense, o concello que conta cun maior número, seguido de Ribadavia, Allariz e Celanova, e estando a metade dos BIC en concellos que só contan cun ben catalogado”.
Tabarés alerta igualmente de que “tal e como se ben advertindo desde hai anos, existe risco de ruina en varios deles, nomeadamente a Torre de Sande en Cartelle, o Mosteiro de Santa María de Melón, a Torre de Torán en Taboadela e o Mosteiro de San Paio de Abeleda en Castro Caldelas”.
Argumentan desde o BNG que hai uns meses o Foro Líceo, espazo de estudo e debate de amplo espectro, “publicaba un informe sobre o Estado dos Monumentos histórico arquitectónicos desde a exclusiva perspectiva da súa sinalización e accesibilidade para ser visitado”, e engaden, “o informe abrangue 106 monumentos constatándose que a meirande parte deles precisan de actuacións de conservación e mantemento. Asemade detectouse un gran déficit na sinalización, tanto para a súa localización, como sobre a súa identificación, denominación e historia”.
Iago Tabarés pon o foco no feito de que “dos 90 monumentos cuxo desfrute exixe de apertura só en 39 dos casos é posíbel, tendo que facerse en 14 casos en horario de culto, xa que logo, dos monumentos que precisan de apertura para seren visitados só nun 28% dos casos existe esa posibilidade, estando excluídos deste aceso público boa parte do patrimonio eclesiástico románico, no que Ourense é un referente destacado”.
Para a formación nacionalsita “Ourense posúe numerosos recursos e potencialidades susceptíbeis de ser aproveitados para xerar actividade económica e benestar da cidadanía que se están a desaproveitar, cando non estragar, pola falla de interese por parte de quen ten a responsabilidade da súa xestión e coidado”.
Por todo o anterior é polo que o Grupo Parlamentar do BNG ven de rexistrar unha Proposición Non de Lei co obxectivo de “instar á Xunta de Galiza a impulsar as medidas necesarias para a conservación, mantemento e valoración do patrimonio histórico arquitectónico de Ourense”.