O BNG aboga pola pronta execución do Plan funcional da Praza de Abastos nº 1 de Ourense
Desde o Grupo municipal nacionalista consideran urxente acometer as reformas necesarias no edificio recentemente rehabilitado e contidas no Plan funcional para que o mesmo poida entrar en funcionamento á maior brevidade posible e poder recuperar, deste xeito, parte da Alameda ocupada actualmente
Ourense, 27 de setembro de 2024. Na Xunta de Portavoces celebrada esta mañá no Concello de Ourense e na que o único punto da orde do día era abordar a situación da Praza de Abastos nº 1 logo da rehabilitación do edificio, o Portavoz do Grupo municipal do BNG Luís Seara, sinalou que “o desexo do BNG e penso que o do conxunto da sociedade de Ourense, praceiros e praceiras incluídas, é que o traslado á nova Praza rehabilitada se faga á maior brevidade para liberar de vez e recuperar un espazo tan senlleiro como o da Alameda. Para nós esa é a prioridade”.
No BNG lembran que a execución do proxecto de rehabilitación da Praza xerou múltiples deficiencias, non resoltas e que afectan á funcionalidade da mesma. Neste senso, segundo argumenta Luís Seara, “o Plan funcional redactado pola arquitecta Paula Feijoo resolve, cun gasto relativamente pequeno, as demandas das praceiras e praceiros para que o seu traslado poida facerse nas mellores condicións posibles”.
Desde a formación nacionalista fan mención a algúns dos aspectos máis relevantes do proxecto que finalmente non se chegaron a executar como é “a conexión da Praza coa zona histórica mediante unha pasarela que una a Praza e a rúa do Progreso xa que estamos convencidos que esta actuación sería moi beneficiosa”, e engade, “malia todo, este non é para nós e coidamos que para as praceiras e praceiros tampouco, unha razón suficiente para que o traslado non se faga”.
Non ao rescate da concesión.
O Portavoz nacionalista referencia que “un dos sinais de identidade do BNG é a aposta polo comercio local e de proximidade. Neste sentido, a explotación da Praza de Abastos nº 1 resposta ao modelo que nós defendemos. Un modelo de economía social, de produto de proximidade e que xera dinamismo social e económico”.
E é que actualmente no edificio provisional hai 43 familias, cifra que ascende ás 75 se temos en conta o Rianxo e que ocupa a preto de 200 traballadores e traballadoras. “Hai moi poucas empresas en Ourense que xeren esa cantidade de postos de traballo, polo tanto, a Praza non soamente crea riqueza senón que ademais xera emprego”.
No BNG deixaron claro que, “por todo o anterior, non avalamos a proposta de rescatar a concesión feita polo Alcalde xa que, ademais, podería acabar provocando demandas xudiciais e en consecuencia, a ocupación da Alameda durante moito máis tempo até que as mesmas se resolvan”.