O BNG lamenta a caducidade do Convenio para o desenvolvemento da estación intermodal de Ourense e a desidia amosada ao longo dos últimos anos polo Goberno Local

Luís Seara, Portavoz municipal do BNG no Concello de Ourense

Desde a formación nacionalista sinalan que levan anos reclamándolle ao Goberno Local a convocatoria da Comisión de seguimento

Pese á caducidade do Convenio e tendo en conta a predisposición amosada por ADIF a manter dito encontro, reclaman que desde o Concello se lidere dita reunión para “pór negro sobre branco e clarexar todo o que está acontecendo coa integración do AVE e coa estación intermodal de Ourense”

O BNG lamenta a caducidade do Convenio para o desenvolvemento da estación intermodal de Ourense e a desidia amosada ao longo dos últimos anos polo Goberno Local

Ourense, 09 de novembro de 2023. No día de hoxe coñeceuse a caducidade do Convenio asinado no seu día entre o Concello de Ourense, o ADIF e a Xunta de Galiza para o desenvolvemento do proxecto de entrada da Alta Velocidade e a nova estación intermodal de Ourense.

Desde o Grupo municipal do BNG lamentan que ao longo dos últimos anos e pese as moitas dúbidas e as moitas eivas detectadas no proxecto, “o Executivo Local non tivera a ben solicitar a convocatoria da Comisión de seguimento que establecía o propio Convenio e que desde o BNG reclamamos insistentemente”.

Luís Seara ten claro que “lonxe de laiarse continuamente, o Alcalde non foi quen de liderar as reivindicacións que emanan da sociedade e do empresariado para corrixir as eivas das que adoece o proxecto actual como é o traslado das mercadorías ao Polígono de San Cibrao ou o movemento da praia de vías até á rúa Río Arnoia e liberar así máis de 100.000 metros cadrados de solo público”.

Desde o BNG pedímoslle reiteradamente que convocara a Comisión de seguimento e sempre deu a calada por resposta, facendo caso omiso e amosando que o proxecto que sen dúbida transformará a cidade durante décadas non é unha prioridade para o actual Goberno local”.

Mais o certo é que o pasado 27 de outubro, o Concello anunciaba a solicitude dunha reunión urxente das administracións para analizar a situación do proxecto da estación intermodal e da integración ferroviaria dentro do citado Convenio e asinado en 2016. Luís Seara lembra que naquel momento “desde o BNG congratulámonos de que o Alcalde fixera caso da proposta que levávamos meses reclamado”.

No BNG teñen claro que pese á caducidade do convenio e tendo en conta a predisposición amosada polo ADIF a manter dito encontro, “é preciso que desde o Concello se lidere dita reunión para pór negro sobre branco e clarexar o que está acontecendo coa integración do AVE e coa estación intermodal de Ourense”.

zona de mercadorías da estación Empalme
zona de mercadorías da estación Empalme


 

O BNG lamenta a caducidade do Convenio para o desenvolvemento da estación intermodal de Ourense e a desidia amosada ao longo dos últimos anos polo Goberno Local