O BNG lamenta a falta de concreción e información por parte da alcaldía no referido á supresión da ORA e sobre o accionariado do COB, pretendendo que os Grupos “voten a cegas o que o Alcalde propón”
Na Xunta de Portavoces celebrada esta mañá non se aportou ningún tipo de documentación que avale as decisións que por parte do Goberno Local se pretenden adoptar, decisións que segundo denuncia o BNG “están soamente na cabeza do Alcalde pero que non contan con ningunha base documental. Pretende que lle digamos que sí e punto”
Ourense, 21 de maio de 2024. Decepcionante, así definen desde o Grupo municipal do BNG a Xunta de Portavoces celebrada esta mañá no Concello de Ourense. O obxecto da mesma era avaliar as propostas trasladadas a semana pasada por parte da alcaldía e consistentes na supresión do Servizo de estacionamento regulado (ORA) e a posible venda do paquete accionarial que o Concello posee do Club Ourense Baloncesto, S.A.D. e que ascende a un 16,5% do total.
O Portavoz municipal Luís Seara, incidiu na reunión na necesidade de “contar con documentación e informes técnicos sobre os pormenores de cada unha das propostas para poder avalialas polo miúdo e a partir de aí poder adoptar unha decisión, mais o Alcalde non soamente non ofreceu ningún tipo de documentación ou información adicional senón que o que pretende é que directamente digamos que sí ao que el di, que votemos a cegas”.
En relación coa supresión do servizo da ORA, Luís Seara sinala que “O Alcalde di que existen visións contradictorias a respecto do procedemento a levar a cabo para a posible supresión do Servizo, iso sí, non aportou até o de agora ningún informe xurídico. Tampouco se aporta ningún estudo técnico de como podería afectar á mobilidade na cidade no seu conxunto”, e engade, “para o BNG, esta é unha cuestión de enorme relevancia xa que a supresión do Servizo da ORA pode provocar un efecto dominó na mobilidade do concello, polo que tomar unha decisión desta natureza descontextualizada das medidas que se contemplan no Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS), pode ter efectos contrarios aos desexados”.
“No BNG estamos abertos a avaliar posibles escenarios, incluído o da gratuidade do Servizo, pero entendemos que o debate debe estar inxerido dentro do PMUS e a ser posible dunha Comisión técnica creada ao efecto”.
No tocante ao paquete accionarial que o Concello posee do Club Ourense Baloncesto, SAD, Seara trasladou na Xunta de Portavoces que, “tendo en conta a situación actual, na que existe un procedemento xudicial aínda pendente de resolución impulsado polo accionista maioritario, Grupo Hereda, e ante a falta de información sobre a situación real da entidade e o posicionamento da Deputación provincial, que tamén conta cun 16,5% do accionariado, desde o BNG consideramos necesario que sexa convocada unha reunión de todos os Grupos municipais á que asistan todas as partes implicadas para ser aclaradas todas as dúbidas que poidan existir”.