O BNG reclama a ampliación e mellora dos Polígonos empresarias da área metropolitana de Ourense

Iago Tabarés, deputado do BNG por Ourense
Iago Tabarés, deputado do BNG por Ourense

Faino a través dunha iniciativa parlamentaria no Pazo do Hórreo na que instan á Xunta de Galiza á ampliación dos Polígonos de San Cibrao e Pereiro, á creación dun área comercial en Paderne, á mellora da conexión viaria dos parques empresariais coa A-52, á creación dunha estación ferroviaria de mercadorías no Concello de San Cibrao das Viñas así como á posta en marcha dun plan de Transporte Metropolitano

O BNG reclama a ampliación e mellora dos Polígonos empresarias da área metropolitana de Ourense

Ourense, 22 de maio de 2024. Na parte leste da área periurbana de Ourense están ubicados os Polígonos empresarias de Barreiros, San Cibrao das Viñas e do Pereiro de Aguiar, constituíndo o principal núcleo de desenvolvemento económico e industrial da Galiza interior. A área empresarial indicada, abrangue unha superficie de máis de 6 millóns de metros cadrados na que se asentan máis de 700 empresas que dan emprego a unha media de 10.000 traballadoras e traballadores.

Actualmente a practica totalidade das aproximadamente 800 parcelas que compoñen o espazo empresarial están ocupadas, o que impide a posibilidade de instalación de novas iniciativas empresariais con capacidade para xerar actividade económica e emprego na comarca ao que hai que engadir, segundo afirman desde o BNG, “que o cambio de goberno producido no ano 2009 e a chegada do PP ao mesmo, supuxo a inmediata paralización dos proxectos de creación de solo empresarial na área periurbana de Ourense, sen que fosen substituídos por iniciativas alternativas”.

Para o deputado Iago Tabarés, “ao tempo seguen sen atenderse as demandas de solo empresarial, a poboación de Ourense continúa a diminuír e o número de empresas a descender”, e engade, “se a superficie empresarial non experimentou incremento significativo, tampouco as comunicacións melloraron substancialmente malia ser un dos aspectos esenciais para o desenvolvemento da actividade industrial dos polígonos”.

Tabarés alude ao feito de que “a día de hoxe segue pendente de execución a conexión do polígono de San Cibrao coa A-52 pois o vial realizado unicamente axiliza a comunicación viaria entre a autoestrada coa N-525 sen chegar a conectar con ningún dos Polígonos”.

Ao tempo, a liberación da actual rede ferroviaria unha vez remate a liña do AVE no treito Taboadela – Ourense permitirá establecer unha liña de comunicación áxil e sustentábel para o transporte colectivo de pasaxeiros entre os Polígonos e a cidade, reducindo os tráficos de vehículos e a contaminación ambiental, medios que virían complementar ao transporte metropolitano de urxente posta en marcha”.

Xunto coa ampliación da superficie industrial e comercial dos Polígonos e a mellora do transporte viario, a construción da estación ferroviaria de mercadorias en San Cibrao das Viñas, concentrando nela os servizos que agora se prestan na de Ourense, “contribuiría non só a potenciar a actividade das zonas empresariais e a axilizar os movementos das mercadorías, senón que implicaría unha liberación de espazo na terminal de Ourense, o que permitiría avanzar na humanización e integración de espazos na trama urbana da cidade”.

Por todo o esposto con anterioridade é polo que desde o Grupo parlamentar do BNG no Parlamento galego, veñen de rexistrar iniciativas encamiñadas a, tal e como sinala Iago Tabarés, “instar á Xunta á ampliación dos Polígonos de San Cibrao e Pereiro, á creación dun área comercial en Paderne, á mellora da conexión viaria dos parques empresariais existentes coa A-52, á creación dunha estación ferroviaria de mercadorías no Concello de San Cibrao das Viñas así como á posta en marcha dun plan de Transporte Metropolitano que permita mellorar a mobilidade da veciñanza”.


 

O BNG reclama a ampliación e mellora dos Polígonos empresarias da área metropolitana de Ourense