O BNG lamenta a parálise dos traballos da Comisión do PEP-OU e cuestiona o cambio de técnicos levado a cabo na mesma

47292701-5e92-402e-8878-a2e2212dfda5_21-9-aspect-ratio_default_0
Zona histórica de Ourense

Nos últimos días, o Goberno Local advertiu ao resto de Grupos municipais da necesidade de que nomearan novamente representante na Comisión de seguimento do PEP-OU ao tempo que comunicou a substitución de todas e todos os técnicos que formaban parte da mesma até o de agora, curiosamente aqueles que integraban a desmantelada Oficina do PERI

O BNG lamenta a parálise dos traballos da Comisión do PEP-OU e cuestiona o cambio de técnicos levado a cabo na mesma

Ourense, 24 de marzo de 2025. O pasado venres, o Goberno Local do Concello de Ourense remitía unha comunicación aos Grupos municipais para que nomeasen novamente representante no seo da Comisión de seguimento do PEP-OU. O argumento esgrimido baséase no feito de que nos últimos tempos, constatouse que algún dos representantes políticos xa non forma parte da Corporación.

Este simple movemento podería pasar desapercibido se non fose porque no mesmo escrito, dase conta da substitución de todas e todos os membros da Comisión, incluíndo o Presidente, o secretario e as e os técnicos que a integran.

Para o Portavoz do BNG no Concello Luís Seara, “resulta chamativo que as e os técnicos encargados ao longo de todo este tempo de elaborar o PEP-OU, de facer o seguimento e de coñecer á perfección o mesmo, agora sexan substituídos” e engade, “curiosamente son as e os técnicos que formaban parte da desmantelada Oficina do PERI, cuestión que para nós é tremendamente relevante e reveladora”.

Seara sinala que “outro dos argumentos esgrimidos para levar a cabo os cambios tampouco se sostén xa que o Goberno local argumenta a necesidade de axilizar os traballos da Comisión, cando esta leva sen convocarse desde xaneiro de 2022, pese as reiteradas peticións de convocatoria feitas polo BNG e polo resto de Grupos da Oposición”.

Desde a formación nacionalista lembran que a desidia do Goberno Jácome co PEP-OU “xa nos custou perder até en dúas ocasións as axudas destinadas á elaboración da cartografía, documento imprescindíbel para continuar cos traballos e que o actual Goberno adiou constantemente sen xustificación algunha”.

Luís Seara agarda en todo caso que, “coa reestruturación levada a cabo, a Comisión retome a súa actividade, sexa convocada á maior brevidade posíbel e poidamos seguir avanzando nun documento que é fundamental para o desenvolvemento da zona histórica da cidade, unha zona que pide a berros actuacións concretas que eviten a súa xa alarmante degradación”.

O BNG lamenta a parálise dos traballos da Comisión do PEP-OU e cuestiona o cambio de técnicos levado a cabo na mesma