O BNG lamenta unha vez máis que a Xunta de Portavoces non sirva para avanzar en nada concreto ao non facilitar o Goberno Local documentación previa sobre a que poder traballar
Segundo o portavoz e candidato Luís Seara “a falta de concreción das propostas impiden avanzar sobre cuestións importantes para o concello”
Ourense, 27 de setembro de 2022. O Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense acudiu esta mañá á Xunta de Portavoces convocada polo alcalde para tratar diversos temas da actualidade municipal como é a implementación dos bonos axuda ao comercio local ou os cambios previstos nas liñas do transporte urbano.
O portavoz e candidato á alcaldía Luís Seara, lamenta que unha vez máis, e xa é unha constante, o alcalde Pérez Jácome “convócanos a xuntanzas pero simplemente para anunciarnos o que pretende facer, non hai documentación previa sobre a que poder traballar polo que resultan ser reunións un tanto frustrantes”.
No referido aos bonos axuda ao comercio local, no BNG agardan coñecer polo miúdo en vindeiros días a proposta do Goberno local mais Seara avanza que, “é algo que vimos reclamando desde hai tempo sen que se presentase ningunha proposta concreta até o momento e sobre a que poder comezar a falar”, e engade, “sempre nos amosamos abertos a falar desta cuestión”.
Luís Seara lembrou que, “hai un acordo plenario ao respecto e no que se ía empregar o sobrante das axudas ás autónomas e autónomos e que nós pedimos ampliar no seu día ao comercio local. Na primeira reunión hai varias semanas trasladamos unha proposta concerta na que se fixaban límites máximos en canto á cantidade a gastar en cada establecemento e cantidades máximas a gastar para cada sector”.
No relativo ao transporte público e descartada polo alcalde a proposta dunha liña circular, Seara lembra que xa o BNG presentou unha moción na que se solicitaba abrir a debate esta cuestión e permitir as achegas non só dos Grupos Municipais senón tamén da veciñanza, “algo que agora parece estar disposto a facer o Goberno Local, cousa que nos satisfai”.
En relación ao anuncio do alcalde de elaborar os orzamentos municipais para o ano 2023, desde o BNG láianse de que “non fose unha prioridade nos anos anteriores do que levamos de mandato”, e amósanse “á expectativa, pois aínda non coñecemos o borrador co que en teoría está a traballar o Goberno”.