Luís Seara, “a proposta de novas liñas de bus exposta ao público carece da información, da concreción e do rigor que un servizo desta envergadura require”
Algunhas das carencias aprezadas son a falta de información sobre as cabeceiras das liñas, sobre os horarios e a duración dos percorridos, sobre as zonas que perden o servizo, sobre as rúas de dubidosa idoneidade ou sobre o número de servizos por cada liña entre outras
Ourense, 29 de setembro de 2022. Para o Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense a denominada “proba alfa” da nova distribución das liñas do transporte público publicada na páxina web do concello no día de onte para que a veciñanza poda facer as aportacións que considere oportunas ofrece “moitísimas dúbidas sobre cuestións moi relevantes”.
Segundo o Portavoz nacionalista e candidato á alcaldía Luís Seara, “falta moitísima información relevante que permita albiscar como vai ser o funcionamento das novas liñas que o Goberno Local pretende implementar”, e engade, “estamos diante dun dos servizos básico do concello polo que entendemos cómpre máxima concreción e información para poder avaliar e mesmo discutir sobre os cambios que se pretenden levar a cabo”.
E é que segundo o BNG, “nada se sabe do número de servizos que terá cada liña, da duración dos mesmos e dos horarios que terán. Igualmente nada se sabe das frecuencias e de como se van cubrir todas aquelas zonas que coa distribución actual quedan sen servizo como é o caso por exemplo da Valenzá ou o cemiterio de Velle”.
No BNG denuncian tamén que coa redución de liñas, que pasan das 33 actuais a apenas 20, “o Goberno deberá aclarar de que xeito ten pensado cubrir aquelas zonas que coa nova distribución quedan fóra do mapa de liñas aparte de que algunha das novas propostas obrigan aos buses a realizar auténticas xincanas”.
Outra cuestión a ter tamén moi en conta é que o tamaño dos novos autobuses é menor que os actuais polo que “cómpre aclarar como se vai suplir esa redución de prazas, non sabemos se vai aumentar o numero de buses por liña ou se simplemente se perden”.
Para Luís Seara e logo de ter analizado a proposta do Goberno Local, “temos moitas dúbidas sobre se determinadas rúas polas que se pretende pasar cos autobuses son as máis acaídas xa que entendemos que dificultan a circulación, supoñen un risco para o tráfico e mesmo non son o suficientemente amplas como para que circulen os buses e estou pensando concretamente na liña que se pretende desviar polo Rianxo da Praza de abastos, que facemos con eses buses os días de feira?”.
Seara reclámanlle ao alcalde seriedade e rigor “cunha cuestión de enorme relevancia para a veciñanza no seu conxunto. É preciso concretar cada unha das liñas co número de servizos, o horario das mesmas, as cabeceiras, o número de buses de cada unha delas así como os informes da Policía Local validando a idoneidade de algunha das rúas propostas así como de que xeito se van cubrir os barrios e as parroquias que coa nova distribución quedan fóra”.