O BNG lembra que no pleno do 08 de xaneiro ausentouse da votación na moción de DO sobre transfuguismo por considerala unha estratexia para desviar a atención dos problemas do seu partido
En contra do que tanto o Goberno Local como o propio Jácome están a dicir, non houbo unaninidade no pleno, toda vez que os concelleiros do BNG ausentáronse no momento da votación, para non facer parte desta farsa.
Ourense, 28 de outubro de 2021. O Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense quere aclarar que en contra do que está a dicir o actual Goberno Local e nomeadamente o alcalde, Gonzalo P. Jácome, no pleno do pasado 08 de xaneiro no que se debatiu unha moción rexistrada por Democracia Ourensana e relativa ao pacto antitransfuguismo, esta foi aprobada por unanimidade dos presentes no momento da votación pero non polo conxunto dos Grupos Municipais pois o BNG ausentouse da votación, feito que se demostra coa propia acta da sesión.
O que Jácome levou a pleno, como moción de parte, non era outra cousa que unha declaración institucional da FEMP, cuestión que foi criticada polo resto dos grupos.
Naquel pleno de 08 de xaneiro, o portavoz nacionalista Luis Seara lembrou que o BNG forma parte da comisión antitransfuguismo desde o día en que se constituíu. "Levamos sufrido como ninguén os efectos deste xeito perverso de entender a política e por iso somos tan sensibles a esta cuestión". Ao tempo que lle afeou a Jácome que "isto non lle importa moito e o único que lle preocupa é traer os seus problemas internos ao concello para desviar a atención e seguir captando cartos públicos".
Quen pactou, e sobrevive políticamente, a costa do maior expoñente do caciquismo nesa sorte de "maquiavelismo" político, non está lexitimado, nin política, nin éticamente para dar leccións a ninguén, e menos ao BNG.