O BNG leva ao pleno do Concello de novembro a defensa e mellora da atención primaria
Pedirán a recuperación da presencialidade nos centros de saúde e o reforzo tanto de persoal coma de recursos para garantir a cobertura a toda a poboación
Ourense, 02 de novembro de 2021. No pleno do Concello de Ourense previsto para o vindeiro 05 de novembro, debatirase a moción rexistrada polo Grupo Municipal do BNG e referida á defensa e mellora da atención primaria, cuestión que afecta directamente á veciñanza e que está a xerar tanto malestar.
Para o BNG resulta imperiosa a necesidade de recuperar as consultas presenciais para todas as persoas que o demanden. Limitar as consultas telefónicas ou telemáticas a unha actividade asistencial complementaria como poden selas receitas, baixas, resultados, etc, que non discrimine ás persoas maiores con dificultades para dispoñer e manexar as novas tecnoloxías.
A implantación das consultas telefónicas de maneira xeralizada non é comprendida pola cidadanía e orixina nela sentimentos de afastamento e desprotección do sistema Sanitario Público. O restrinxir o acceso ó Centro de Saúde, formando largas colas diante do centro só co argumento de “evitar contaxios no Centro de Saúde” é un temor infundado, para non deixar ver o principal problema, falta de recursos e medios, tanto profesionais sanitarios coma non sanitarios para dar cobertura a poboación.
A todo o anterior hai que engadirlle, a ollos do BNG, a imperiosa necesidade de construir dunha vez por todas o tan demandado centro de saúde no barrio do Vinteún, que permita desconxestionar o existente no barrio da Ponte e a construción dun novo no barrio da Cuña, que poña fin aos innumerables inconvintes do centro de saúde actual no que a espazo e accesibilidade se refire.
Desde as filas nacionalistas agardan contar co apoio do resto de Grupos da corporación para demandar diante da Xunta de Galiza, administración competente na materia, a mellora asistencial na atención primaria e para o cumprimento das reiteradas promesas do actual goberno galego con Ourense no que a sanidade se refire.