O BNG leva ao pleno da Deputación unha moción para esixir a execución inmediata da A-56 e rematar co illamento do interior

Xose Manuel Puga e María Mangan deputados do BNG na deputación de Ourense
Xose Manuel Puga e María Mangan deputados do BNG na deputación de Ourense

Puga denuncia “máis de vinte anos de promesas incumpridas e anos enteiros coa obra parada”, mentres Mangana reclama “unha conexión digna entre Ourense e Lugo para garantir cohesión e futuro económico”

O BNG leva ao pleno da Deputación unha moción para esixir a execución inmediata da A-56 e rematar co illamento do interior

María Magana e Xosé Manuel Puga, deputados do grupo provincial do Bloque Nacionalista Galego presentaron esta mañá en rolda de prensa a moción que defenderá no vindeiro pleno da Deputación para reclamar a execución completa da autovía A-56 (Ourense-Lugo). Na comparecencia os deputados nacionalistas situaron esta infraestrutura como unha demanda histórica das comarcas do interior e advertiron de que a falta dunha vía de altas prestacións entre ambas capitais “condena a provincia ao illamento, á perda de oportunidades e ao atraso económico”.

A iniciativa nacionalista busca que a Deputación inste ao Goberno do Estado a rematar a A-56 como unha autovía de altas prestacións, descartando calquera intento de convertela nun simple corredor, e que se aprobe con carácter inmediato un calendario público, concreto e vinculante de execución dos treitos pendentes, acompañado das partidas necesarias nos Orzamentos Xerais do Estado para garantir a súa finalización no menor prazo posíbel. Do mesmo xeito, o BNG demanda que a Xunta de Galiza exerza unha defensa firme e activa desta infraestrutura ante Madrid e que a propia Deputación lidere unha fronte común cos concellos afectados para impulsar accións conxuntas de reivindicación institucional e trasladar formalmente estes acordos ás administracións competentes.

Tras explicar o contido da moción, Puga encadrou a proposta nunha reivindicación que se arrastra desde hai máis de dúas décadas. O deputado lembrou que dos case 70 quilómetros previstos no proxecto inicial apenas se executaron nove, un treito illado ata A Barrela que “nin é funcional nin resolve a conexión real entre as dúas cidades”, malia tratarse dunha actuación comprometida con máis de 500 millóns de euros de investimento.

O BNG incidiu en que a A-56 non é só unha cuestión de mobilidade particular, senón unha peza clave para a vertebración interior de Galiza: facilita o transporte de mercadorías, reduce custes loxísticos, favorece a implantación de empresas, contribúe a fixar poboación e garante o acceso a servizos públicos. Mentres outras áreas do país melloraron notablemente as súas conexións nas últimas décadas, Ourense segue dependendo da N-540, unha estrada cun estado de conservación deficiente e con problemas recorrentes de seguridade viaria que padecen a diario milleiros de persoas usuarias.

Os nacionalistas denunciaron tamén que o punto chamado a ser o nó estratéxico da infraestrutura, a Variante Norte de Ourense, leva case dous anos con obras practicamente paralizadas, o que agrava aínda máis a falta de continuidade do proxecto.

No plano político, Puga foi contundente ao sinalar responsabilidades. Lembrou que, especialmente durante o goberno do Partido Popular no Estado con Mariano Rajoy á fronte, a autovía quedou “absolutamente conxelada”, con anos enteiros sen avances nin máquinas traballando. “Foi unha etapa de abandono total do interior mentres se falaba de vertebración territorial”, criticou. Fronte a esa inacción, o BNG destacou que leva anos trasladando esta demanda en todas as institucións: con iniciativas no Congreso e no Senado, propostas no Parlamento de Galiza.

Como peche, o Bloque fixo un chamamento ao consenso do resto de forzas políticas e á mobilización institucional e social para converter a A-56 nunha causa común da provincia. “Se todos dicimos que é necesaria, é o momento de actuar. Ou damos un paso adiante agora ou seguiremos eternamente esperando”, concluíron.

O BNG leva ao pleno da Deputación unha moción para esixir a execución inmediata da A-56 e rematar co illamento do interior