O BNG reclama medidas urxentes ante a contaminación do encoro das Conchas tras a confirmación da sentenza que condena a Xunta e o Estado
A inadmisión do recurso pola vía do Tribunal Supremo converte en firme a sentenza que recoñece a vulneración de dereitos fundamentais pola inacción da Xunta e da CHMS
O Bloque Nacionalista Galego, denuncia que a situación de contaminación no encoro das Conchas e nas augas da Limia continúa sen unha resposta efectiva por parte das administracións públicas.Sonia Vidal e Iago Tabarés destacan que a inadmisión do recurso de casación presentado pola Xunta de Galiza e pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil ante o Tribunal Supremo supón a confirmación da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) que condena ambas administracións pola súa inacción ante a grave contaminación das augas
A sentenza, agora firme, recoñece a vulneración de dereitos fundamentais do veciñanza de As Conchas e da comarca da Limia, afectada por anos de verquidos e contaminación por nitratos e eutrofización das augas, sen que se adoptaran medidas efectivas para a súa solución
. O Tribunal remarca que esta situación representa un risco real para a saúde pública, os usos recreativos e o acceso á auga potable segura
O BNG impulsa a resposta institucional co rexistro de preguntas no Congreso e no Senado
A deputada Sonia Vidal do BNG, xunto coa representación do partido no Congreso e Senado, vén de rexistrar varias preguntas dirixidas ao Goberno para coñecer que medidas pensa adoptar a CHMS para cumprir coa sentenza e garantir o dereito da poboación afectada a unha auga limpa e segura
. Entre outras cuestións, solicitan saber:
- Que actuacións se prevén para garantir o abastecemento seguro.
- Se se levará a cabo un plan de rexeneración do encoro.
- Se existe coordinación coa Xunta para a limpeza e recuperación ambiental da zona.
- Que diálogo existe coas organizacións sociais e veciñais que levan anos reclamando solucións.
O Plan Estratéxico da Limia segue sen ver a luz
O BNG lembra que xa no ano 2021, tras a constitución da Mesa da Limia impulsada polas demandas sociais e ambientais da comarca, chegouse a anunciar a elaboración dun “Plan Estratéxico da Limia” que recollía medidas concretas para a protección das augas, a redución da contaminación e o control da actividade industrial e agrogandeira intensiva. Porén, ese plan nunca foi presentado publicamente nin activado pola Xunta, malia tratarse dunha das zonas con maior concentración de nitratos e con serios problemas de saúde ambiental derivados do modelo produtivo imposto.
Para o BNG, esta omisión evidencia a falta de vontade política do Goberno galego, que prefire protexer determinados intereses económicos antes que garantir a saúde das persoas e a protección do medio ambiente.
“Xa non hai escusa para non actuar”
O deputado Iago Tabarés considera que, tras esta sentenza firme, nin a Xunta nin a CHMS teñen xa escusa legal nin política para continuar na pasividade. “O Tribunal recoñece que a contaminación vulnera dereitos fundamentais e ordena actuar, agora é obriga das administracións cumprir”, denuncian desde a formación nacionalista. O partido galego esixe a publicación inmediata do Plan Estratéxico da Limia, a dotación de fondos para a limpeza e rexeneración do encoro, e a posta en marcha de medidas efectivas para controlar as fontes de contaminación.
O BNG comprométese a continuar facendo seguimento da situación desde todas as institucións e mantendo o apoio á veciñanza e aos colectivos que levan anos loitando pola defensa do seu dereito á saúde e a un medio ambiente limpo. “Esta sentenza é unha vitoria colectiva e debe marcar un punto de inflexión real na política ambiental da comarca”, conclúen.