O BNG leva ao pleno deste venres día 11 a solicitude de dimisión do alcalde e o mantemento do servizo de comedor do CEIP As Mercedes
O Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense presenta dúas mocións relativas a cuestións de plena actualidade e de gran importancia neste momento
Ourense, 10 de setembro de 2020. O Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense presentou por rexistro para o seu debate e se procede, posterior aprobación, dúas mocións relacionadas con cuestións de plena actualidade no concello.
Na primeira delas, os nacionalistas solicitan a dimisión do alcalde do concello, Gonzalo Pérez Jácome ante a situación de absoluta ingobernabilidade e parálise na que se atopa a cidade de Ourense. Unha situación que non debe prolongarse moito máis no tempo pois como ben afirman no BNG, a veciñanza precisa atención e solución aos problemas do día a día, máis ou menos graves pero que actualmente non atopan resposta por parte do goberno municipal.
Por todo elo pedirán desde o BNG o apoio do resto de grupos para a adopción do seguinte acordo:
1. O pleno, tendo en conta a situación de ingobernabilidade na que está sumido o concello, derivada das denuncias efectuadas por compañeiros do alcalde a respecto de irregularidades na xestión de fondos públicos, esíxelle a Don Gonzálo Pérez Jácome, alcalde-presidente do Concello de Ourense, a dimisión inmediata de todos os seus cargos.
A segunda das mocións presentadas polos nacionalistas refírese á situación xerada pola Xunta de Galiza no CEIP As Mercedes, poñendo en perigo a continuidade do servizo de comedor escolar.
Para o BNG estamos ante un feito gravísimo que non soamente afecta as e os alumnos do centro e as súas familias senón que pon en perigo a continuidade do propio centro educativo, o único, lembran desde o BNG, de carácter público nesa zona da cidade.
Por todo elo, solicitarán ao resto de grupos, a adopción do seguinte acordo:
1. Instar a Xunta de Galiza a realizar as actuacións necesarias para garantir no curso 2020/2021 o mantemento do servizo de comedor no CEIP As Mercedes de Ourense buscando, en colaboración coa comunidade escolar, unha alternativa para o espazo que non supoña a renuncia a servizos do propio centro escolar, priorizando a negociación dunha solución consensuada coa Residencia Florentino López Cuevillas para un uso compartido e sufragando calquera sobrecusto xerado pola adaptación ás necesidades da covid-19 de maneira que non repercuta nas familias.
2. Instar a Xunta de Galiza a que se comprometa coa negociación dun convenio estable para o uso compartido das instalacións da Residencia Florentino López Cuevillas (comedor, capela, claustro e cociña) antes do remate de 2020 e para próximos cursos escolares.