Valoración do Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense da rolda de prensa do alcalde Pérez Jácome
Ourense, 09 de setembro de 2020. O grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense quere manifestar logo de escoitar a rolda de prensa do alcalde Gonzálo Pérez Jácome e das valoracións, comentarios, reflexións e mesmo acusacións verquidas polo mesmo, o seguinte:
1. As declaracións do alcalde ratifican punto por punto o que desde o BNG se ven denunciando desde o primeiro día do actual mandato, que o PP e Baltar, empregarían a Jácome mentras lles fose útil e que o desbotarían unha vez deixara de ser funcional para os seus intereses. Non hai dúbidas polo tanto de que están detrás da operación de acoso e derribo que estamos a vivir nas últimas semanas.
2. Para o BNG, Jácome, e en contra do que él mesmo manifesta, non é o paladín contra a corrupción, xa que consideran os nacionalistas, representa a expresión mesma da propia corrupción.
Jácome non veu para rematar coa corrupción senón para permitir que esta se continúe exercendo. Para os nacionalistas, Ourense non merece un alcalde que confunde o público co privado, que ten a concepción de que o concello é como se fose a súa empresa privada.
Unha persoa que ao longo de toda a súa intervención foi incapaz de despexar as dúbidas ao redor da utilización que fai dos fondos públicos que recibe do concello, aludindo a moi vagas explicacións que non contribúen a disipar dúbidas senon que as acrecenta.
Unha persoa que no pasado, serviuse deses mesmos intereses que agora, segundo él, pretenden sacalo da alcaldía, para atacar e difamar a gobernos anteriores.
3. Para o BNG as declaracións de Gonzalo Pérez Jácome son meras escusas pois sabía das prácticas e comportamentos do PP e Baltar e pese a elo pactou a formación dun goberno no concello e a perpetuación deste na Deputación Provincial.
4. O BNG no Concello de Ourense ten claro que a solución non pasa únicamente pola dimisión de Pérez Jácome como alcalde, é precisa unha rexeneración total da institución, que pasa tamén pola propia deputación. É preciso que partidos honestos, cunha folla de ruta clara e un proxecto de cidade sólido e solvente encabecen a tan necesaria, e xa mencionada, rexeneración política en Ourense.
5. No Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense entenden que pretender gobernar a terceira cidade de Galiza con un ou dos concelleiros e amparado en asesores non é gobernar, é secuestrar a Ourense e impedir que avance, que prospere e que saia da parálise na que se atopa.
6. Por último, desde o BNG agardan que á vista das declaracións desta mañá do alcalde Gonzálo Pérez Jácome onde verte graves acusacións, a xustiza actúe en consecuencia.