O BNG levará ao Pleno da Deputación de Ourense unha moción para condenar o xenocidio contra o pobo palestino
Bernardo Varela “Chamamos ás cousas polo seu nome: o Estado sionista está a perpetrar un xenocidio en Palestina”
O grupo provincial do Bloque Nacionalista Galego na Deputación de Ourense, composto por Bernardo Varela, María Mangana e Xosé Manuel Puga, presentou hoxe en rolda de prensa a moción que será debatida no Pleno deste venres 26 de setembro. A iniciativa ten como obxectivo situar á institución provincial nunha posición activa de denuncia contra o xenocidio do pobo palestino e de solidariedade internacionalista coas vítimas da ocupación colonial israelí sobre Palestina.
A moción presentada polos nacionalistas propón en primeiro lugar que o Pleno da Deputación condene o xenocidio do pobo palestino cometido polo Estado de Israel. “Non podemos mirar cara outro lado mentres continúa un xenocidio que deixou xa decenas de milleiros de mortos e millóns de persoas desprazadas”, afirmou o portavoz do grupo, Bernardo Varela
A iniciativa do BNG recolle que a Deputación vete calquera contratación pública con empresas relacionadas co Estado de Israel e renuncie a participar en actos que contribúan ao branqueamento do sionismo. Do mesmo xeito, que se comprometa a non manter contactos, encontros nin intercambios con institucións israelís.
Outro dos puntos da moción insta ao Estado español a establecer un embargo militar contra Israel, prohibindo tanto a venda de armas como o tránsito das mesmas polo seu territorio, e a colaborar co Tribunal Penal Internacional na detención de cidadáns israelís reclamados por crimes de guerra.
A proposta dos nacionalistas desde a Deputación de Ourense tamén aposta polo apoio á campaña internacional de Boicot, Desinvestimentos e Sancións (BDS) contra Israel, rexeitando todo tipo de comercio co Estado sionista. Do mesmo xeito, solidarízase con todas aquelas persoas que denuncian publicamente o xenocidio contra o pobo palestino e comprométese a apoiar os proxectos da cooperación galega que operan na Faixa de Gaza.
O voceiro do grupo provincial nacionalista subliña que máis de 77 anos despois da creación do Estado de Israel, a ocupación sionista segue a negar os dereitos políticos, nacionais e humanos do pobo palestino. O BNG denuncia que estamos perante un xenocidio en curso, avalado por informes da ONU, que se manifesta no asasinato masivo de civís, a morte de máis de 18.000 nenos e nenas, o desprazamento forzoso de dous millóns de persoas, a destrución de cidades enteiras, incluídos hospitais e zonas de axuda humanitaria, e o uso da fame como arma de guerra. “Falamos dunha magnitude de dor que afectou xa a unha poboación equivalente á de toda Galiza: morta, ferida ou desprazada forzosamente”, advertiu Varela.
Para o BNG, a moción responde tamén ao compromiso histórico do pobo galego coa solidariedade internacionalista. “A dignidade do noso país demostrouse nas rúas e nas accións colectivas que, como a paralización da “Vuelta” ciclista, denunciaron o branqueamento do sionismo. Agora é a Deputación quen debe estar á altura dese clamor popular”, concluíu o portavoz nacionalista.
O BNG lembra tamén que a realidade de apartheid instaurada desde 1948 impediu sempre os dereitos políticos da cidadanía orixinaria palestina, mentres a comunidade internacional permanece inactiva e organizacións políticas como o Partido Popular, mantén unha actitude negacionista e de branqueamento das políticas criminais de Israel. “É o momento de que as institucións galegas dean un paso á fronte e se sitúen xunto ao pobo palestino e ao clamor popular de solidariedade que en Galiza enche as rúas”, concluíu Varela.