O BNG urxe a cobertura urxente das prazas de Logopedia na Área sanitaria de Ourense

Noa Presas, deputada do BNG por Ourense
Noa Presas, deputada do BNG por Ourense

Desde a Formación nacionalista fanse eco das reivindicacións do Colexio Profesional de Logopedas de Galiza que ten trasladado que a día de hoxe, o servizo ofrecido desde os hospitais non da resposta á demanda real nin ás necesidades de todas as galegas e galegos. No caso da Área sanitaria de Ourense, o propio Colexio facía a denuncia de que só hai unha soa profesional desta categoría sendo a de Ourense a peor situación de toda Galiza

O BNG urxe a cobertura urxente das prazas de Logopedia na Área sanitaria de Ourense

Ourense, 26 de setembro de 2025. O Grupo Parlamentar do BNG no Pazo do Hórreo ven de rexistrar unha serie de iniciativas relativas á situación no que se atopa o servizo de logopedas do SERGAS nas diferentes Áreas sanitarias do país e máis concretamente sobre a súa situación na Área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.

A deputada nacionalista por Ourense Noa Presas, impulsora da iniciativa, sinala que xa “o Colexio Profesional de Logopedas de Galiza ten trasladado publicamente as súas demandas para a mellora do servizo público de logopedia no noso país, considerando que a día de hoxe, o servizo ofrecido dende os hospitais non da resposta á demanda real nin cubre as necesidades de todas as galegas e galegos”.

Desde o BNG advirten que no caso concreto do ámbito sanitario e malia a importancia que ten este servizo para distintas patoloxías, “a sanidade pública galega conta actualmente con tan só 37 logopedas, lonxe da demanda da poboación, cunha gran presión asistencial e sobrecarga dos servizos e sen avanzar nunha necesidade que xa temos sinalado desde o Grupo Parlamentario do BNG como é o da súa incorporación na Atención Primaria”.

No caso concreto de Ourense, Noa Presas é moi clara ao afirmar que “o caso de Ourense é clamoroso”, e engade, “recentemente, o propio Colexio facía a denuncia de que na macroárea sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras hai unha soa profesional desta categoría, sendo a peor situación de toda Galiza”. A propia profesional que ostenta esta responsabilidade, sinalaba nos medios de comunicación que esta situación agrávase ademais coa falta de planificación e que o descoñecemento das listas de agarda dificultan calquera tipo de intervención coordinada.

Para Presas, “Esta situación é insostible e consiste nun gran prexuízo para as e os ourensáns, que xa sofren as peores listas de agarda hospitalaria de todo Galiza. Máis aínda, o alto índice de avellentamento e de ictus son argumentos que se engaden para urxir ao Goberno galego a incrementar este perfil profesional e aumentar o número de traballadores e traballadoras”.

No BNG denuncia ademais que no lugar de avanzar no reforzo do persoal público, o Goberno galego empregou tamén as necesidades no ámbito da logopedia para seguir na súa senda de privatización. Así as cousas, xa nun Consello da Xunta de finais de maio autorizábase un crédito de 29 millóns de euros para un acordo marco co que prestar servizos a través da medicina privada, entre os que estaba o da terapia de logopedia que finalmente adxudicou ao hospital privado Vithas de Vigo.

As nacionalistas urxen á Xunta de Galiza a garantir a logopedia na sanidade pública de Ourense así como “a adoptar todas as medidas que sexan precisas para garantir a cobertura territorial deste servizo e evitar que persoas de Ourense, nomeadamente crianzas e persoas maiores teñan que ser derivadas continuamente a Vigo e á sanidade privada”.

O BNG urxe a cobertura urxente das prazas de Logopedia na Área sanitaria de Ourense