O BNG levará a pleno o futuro da Universidade Popular
Faino logo de que nos últimos días o actual Goberno Local amosara a súa intención de desprenderse deste activo municipal que tan boa acollida ten entre a veciñanza
Ourense, 27 de abril de 2021. Nos últimos días o Goberno Local ten manifestado a súa intención de desprenderse da Universidade Popular e do edificio anexo a Escola de Artes Escénicas e cedelo, no caso de que esta acepte, á Deputación Provincial.
Para o BNG, estamos diante, unha vez máis, e tal e como veñen denunciando os nacionalistas desde o inicio do mandato, "da folla de ruta marcada claramente polo actual rexedor, Gonzalo P. Jácome de desmantelar todos aqueles servizos e actividades que segundo a súa percepción persoal non son de interese".
Pois ben, desde a formación nacionalista amósanse totalmente en contra do peche ou traspaso da Universidade Popular á Deputación Provincial. Para o portavoz Luis Seara "estamos diante dunha institución con 25 anos ás costas e que ten demostrado ser de gran interese para a veciñanza xa que son miles de persoas as que teñen pasado polas súas aulas".
Dede o BNG aluden directamente aos datos do curso 2019-2020 onde foron preto de 3.000 os participantes, concretamente 2.593 matriculados. No ano 2020, ano de tantas mudanzas, "a Universidade Popular amosou a súa capacidade de adaptación as novas circunstancias derivadas da pandemia. foi quen de consensuar horarios e datas, de adaptarse nos medios a empregar, con cursos impartidos en modalidade telemática ou mesmo combinandoos coa presencial".
Resistiu á pandemia e fixoo, segundo o BNG "con moita dignidade" xa que foi quen de ofertar no presente curso 2020-21 ao redor de 140 cursos de variada temática como poden ser idiomas, novas tecnoloxías, corpo, saúde e calidade de vida, cultura, coñecemento, tempo libre e afeccións, intervención social, formación para o emprego ou obradoiros de artesanía.
Para os nacionalistas os intentos do alcalde de desfacerse da xestión da Universidade Popular e do edificio anexo á Escola de Artes Escénicas, e a negociación coa Deputación Provincial non se basean en razóns obxectivas, motivo polo que presentarán unha moción para ser debatida no vindeiro pleno de maio no que defenderán que o Concello de Ourense manteña as actividades e a propia existencia da Universidade Popular, así como que abra axiña o prazo para a selección de proxectos para o ano 2022.