O BNG de Ourense renova o seu órgano de dirección e elixe a Xurxo Rodríguez como novo Responsable Local da Organización

6ef5f57e-5503-4bd3-9164-3dc43d37f172
Xurxo Rodríguez e Luís Seara en rolda de prensa

A militancia da formación nacionalista renovou o Consello Local da Organización, elixindo a Xurxo Rodríguez como novo Responsable Local, quen adiantou as principais liñas de actuación para os vindeiros meses tendo como obxectivo “acadar a alcaldía do Concello de Ourense en maio de 2027”

O BNG de Ourense renova o seu órgano de dirección e elixe a Xurxo Rodríguez como novo Responsable Local da Organización

Ourense, 30 de decembro de 2024. Logo da celebración da XVIII Asemblea Nacional na que se renovou a Executiva Nacional, o Consello Nacional e na que Ana Pontón foi reelixida Portavoz Nacional do BNG, en Ourense procedeuse nas últimas semanas á renovación do Consello Local. Para dar conta dos cambios, compareceron esta mañá en rolda de prensa o Responsable Local saínte e Portavoz municipal no Concello de Ourense Luís Seara e o novo Responsable Local da Organización Xurxo Rodríguez.

Seara comezou sinalando que “hai unha frase cuxa autoría non está moi clara que dí, en tempo de tribulación, non convén facer mudanzas. Esa frase ven a explicar que as mellores decisións son aquelas que se toman desde a serenidade, desde a reflexión, neste caso desde a reflexión colectiva”, e engadiu, “iso é o que fixo o BNG. Colectivamente pensamos que agora que estamos moi ben política e orgánicamente, que temos a Organización fortemente cohesionada é o momento de acometer cambios”.

O Portavoz municipal sinalou que, “eu trasladei hai xa semanas á Organización a necesidade de facer axustes, a comezar pola substitución do que durante os últimos anos foi o Responsable Local, eu mesmo. Foi unha decisión meditada que obedece, por unha banda a dar cumprimento a unha recomendación estatutaria de non acumulación de cargos nunha mesma persoa, máis, fundamentalmente, á necesidade de apostar por persoas novas que veñan cun novo empuxe, con novos bríos e tamén con novas ideas co obxectivo de irmos a por todas nas vindeiras eleccións de 2027”.

A Organización, de xeito unánime, entendeu que había que apostar por unha persoa nova pero que coñeza a Organización e o Concello e teña demostrada unha dilatada experiencia no ámbito político-institucional, resultando elixido Xurxo Rodríguez, quen desenvolve o seu traballo como auxiliar político no Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense. Segundo indicou Seara, “a el correspóndelle ser o timonel desta nave, dunha nave que conta cunha inmellorable tripulación”.

Pola súa banda o novo Responsable Local, Xurxo Rodríguez comezou agradecendo á militancia “pola confianza que deposita no novo Consello Local e pola confianza que deposita en min como novo Responsable Local do BNG en Ourense”. Rodríguez tamén quixo pór en valor “o traballo feito polo Consello Local saínte durante os últimos tres anos. Foron tres anos moi intensos, de moita actividade. Anos nos que houbo que discutir, onde houbo que avaliar, onde houbo que estudar e decidir sobre moitas cuestións e o Consello Local sempre estivo aí, á altura das circunstancias”.

Xurxo Rodríguez fixo fincapé en que “iniciamos unha nova etapa. Temos por diante moitos retos. É certo que a nivel electoral e se nada se torce, non volveremos acudir ás urnas até maio de 2027, pero esa data temos que tela xa marcada en vermello nos nosos almanaques, non queda tanto tempo e temos que comezar a traballar xa de maneira intensa en poder chegar a esa cita nas mellores condicións posíbeis”.

Hoxe, 30 de decembro de 2024, quero deixar constancia de que o obxectivo do BNG nas eleccións municipais de maio de 2027 vai ser acadar a alcaldía do Concello de Ourense”, e engadiu, “creo que non debemos defraudar a todas esas persoas que están mirando cara nós e polo tanto temos que chegar a maio de 2027 con todo ese traballo feito a nivel social para que, chegado o momento, todas esas persoas que están fartas do que está a acontecer, que están fartas e que queren pórlle fin a esta longa noite de pedra na que vivimos, teñan claro que a única alternativa é o BNG e que polo tanto e sen vacilación, decidan votar e apostar polo noso proxecto”.

Finalmente Xurxo Rodríguez quixo deixar claro que “o BNG seguirá estando onde sempre estivo, a pé de rúa, traballando e escoitando á veciñanza, unha veciñanza que sabe que cando ten un problema, cando ten unha dificultade, a única porta á que pode petar para tentar atopar solucións é a porta do BNG”. E rematou incidindo en que “como dixen antes, temos ese horizonte e ese obxectivo de maio de 2027 pero o traballo témolo e ímolo intensificar desde xa”.

Composición do novo Consello Local do BNG de Ourense.

1. Xurxo Rodríguez Sánchez (Responsable Local)

2. Daniel Gómez (Viceresponsable Local)

3. Rhut Marina Reza

4. Erea Blanco

5. Xosé Manuel Puga

6. Sonia Albor

7. Rubén Requeixo

8. Inma Campos

9. Manuel María Carnicero “Queni”

10. Araceli Carragal

11. Anxo Varela

12. Lía García

13. Xosé Fernández

14. Noa Presas

15. Iago Tabarés

16. Xan Sabuz

17. Xosé Luís Seara

 

O BNG de Ourense renova o seu órgano de dirección e elixe a Xurxo Rodríguez como novo Responsable Local da Organización