O BNG reivindica a construción total do vial de conexión entre a N-525 e Barrocás que permita mellorar os accesos ao CHUO e desconxestionar as rúas Marcelo Macías e Ramón Puga
No Pleno do Concello de Ourense previsto para este venres, o Grupo municipal do BNG pedirá o apoio do resto de Grupos para instar á Xunta a execución desta obra, completando así o proxecto inicial do Goberno galego que, segundo sinalan os nacionalistas, “non da solucións aos problemas de mobilidade na zona”
Ourense, 07 de xaneiro de 2025. O día 2 de agosto de 2023, a Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galiza naquela altura Ethel Vázquez, anunciaba a licitación da redacción do proxecto para a posta en servizo dun novo acceso ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) en conexión coa N-525 e cuxa inversión ascende a preto de cinco millóns de euros.
Desde a formación nacionalista lembran que o proxecto do Goberno galego pasa pola construción dun novo acceso que conecte a estrada N-525 coa Avenida do Regato. Terá unha lonxitude de 640 metros dun trazado que, segundo avanzaba o Executivo galego, impedirá que ambulancias e outros vehículos circulen por outras zonas da cidade para chegar ao Hospital.
Esta vía contará con dúas calzadas, cada unha con dous carrís de circulación separados por mediana axardinada. Nun primeiro tramo, de 330 metros, a actuación consistirá en dobrar a Avenida do Regato e nun segundo, de nova execución, realizarase a conexión coa N-525.
Mais para o BNG, “en canto coñecimos o proxecto, advertimos que o mesmo non é máis que un remendo que obvia o principal problema existente, o colapso da rúa Ramón Puga tendo en conta que autobuses, ambulancias, vehículos que acceden a urxencias e consultas, o tráfico ordinario que vai cara Barrocás e Rairo e os vehículos que entran e saen do aparcadoiro do Hospital están obrigados a acceder por unha vía dun único carril en cada sentido”.
Luís Seara, Portavoz dos nacionalistas ten claro que, “a construción total do vial de conexión entre a N-525 e Barrocás, proxectado non como pretende a Xunta de Galiza senón tal e como aparece recollido no Plan urbanístico en trámite, contribuiría notablemente á mellora da mobilidade da cidade no seu conxunto e na contorna dunha das infraestruturas chave non soamente para o Concello de Ourense ou a súa área de influencia senón tamén para o resto da provincia como é o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense”.
Estes son algúns dos argumentos esgrimidos polo Grupo municipal do BNG na moción rexistrada para o Pleno que o Concello de Ourense vai celebrar este mesmo venres. “Vai sendo hora de que a Xunta de Galiza aposte por proxectos transformadores en Ourense, que verdadeiramente dean solución aos problemas existentes e non polos proxectos de baixo custe aos que o Goberno galego nos ten acostumados”.
“Cómpre polo tanto, e así o ten que facer o Concello como máximo representante dos intereses da cidade no seu conxunto, instar á Xunta de Galiza a execución total do vial de conexión entre a N-525 e o barrio de Barrocás que figura no PXOM de 2013, actualmente en trámite e cuxo obxectivo é a mellora dos accesos ao CHUO e a desconxestión do tráfico nas rúas Marcelo Macías e Ramón Puga”.