O BNG parabeniza á veciñanza da Rúa e á súa alcaldesa pola presión exercida que obrigou ao PP a facerse cargo de extinguir o lume no vertedoiro do concello.

Bernardo Varela desde A Rúa
Bernardo Varela desde A Rúa

Bernardo Varela sinalou que o importante é que se extinga xa o lume e indica que solicitarán que sexa a Xunta quen financie os traballos da Deputación.

O BNG parabeniza á veciñanza da Rúa e á súa alcaldesa pola presión exercida que obrigou ao PP a facerse cargo de extinguir o lume no vertedoiro do concello.

 O Portavoz do grupo provincial do BNG de Ourense, Bernardo Varela, incidiu en que o máis urxente é que o lume se apague canto antes, garantindo a seguridade da veciñanza e evitando consecuencias máis graves para o medio ambiente e a actividade económica da zona.

Desde o BNG lembran que se a Deputación de Ourense se vai facer cargo destes traballos é unicamente pola presión exercida pola veciñanza do concello da Rúa e pola súa alcaldesa, María Albert, quenes obrigaron ao Partido Popular da Xunta a aceptar que fose o Partido Popular da Deputación quen asumise finalmente a extinción e a reparación.

Varela continuou sinalando que desde o grupo provincial do BNG na Deputación de Ourense reclamarán que sexa a Xunta de Galiza quen asuma os custos da extinción do lume  e da posterior reparación do vertedoiro do concello da Rúa. “A actuación material será realizada pola Deputación, mais a responsabilidade é exclusiva da administración autonómica e debe asumir os custes”.

O portavoz do grupo provincial destacou tamén que “os fondos que se empreguen por parte da Deputación en apagar e restaurar o vertedoiro da Rúa deben ser asumidos pola Xunta de Galiza, porque a responsabilidade está clara e é da Xunta”.

Neste sentido, Varela subliñou que “agora toca poñer as mans en extinguir este lume, en restaurar este vertedoiro, e a partir de aí, a Xunta debe ser quen poña os fondos necesarios, non a Deputación de Ourense, que vai ter, desgraciadamente, moito onde investir este ano para restaurar todo aquilo que se destruíu na nosa provincia”.

Dende o BNG no ente provincial lembran que a Deputación colaborará cos medios para garantir a extinción e recuperación da zona, mais reclaman que a Xunta asuma as súas obrigas e financie integramente a operación.

O BNG parabeniza á veciñanza da Rúa e á súa alcaldesa pola presión exercida que obrigou ao PP a facerse cargo de extinguir o lume no vertedoiro do concello.