O BNG reclamará no Pleno do Concello melloras no Servizo de Axuda no Fogar (SAF)

Rhut Reza, X.M puga, Luís Seara e Erea Blanco
Rhut Reza, Xosé Manuel Puga, Luís Seara e Erea Blanco

O Grupo municipal nacionalista pedirá o apoio do resto da Corporación para reclamarlle á Xunta un incremento do financiamento até os 20 euros por hora, para a redución dos tempos de agarda das valoracións e para o aumento do investimento por persoa dependente. Tamén pedirán que sexa o Concello quen asuma o incremento de até o 30% que a nova concesionaria está aplicando ás usuarias e usuarios

O BNG reclamará no Pleno do Concello melloras no Servizo de Axuda no Fogar (SAF)

Ourense, 02 de setembro de 2025. No Pleno do Concello de Ourense previsto para este venres 5 de setembro, o Grupo municipal do BNG porá enriba da mesa a situación na que se atopa o Servizo de atención á dependencia e esixirá melloras no Servizo de Axuda no Fogar (SAF) que actualmente presta o Concello.

O Portavoz dos nacionalistas Luís Seara sinala que “o sistema público de atención á dependencia en Galiza está a sufrir un preocupante proceso de desmantelamento, como vimos denunciando insistentemente desde o BNG”, e engade, “lonxe de garantir os dereitos das persoas dependentes, a política da Xunta de Galiza do PP, está centrada nun modelo asistencialista e privatizador que empobrece o servizo público e devolve os coidados ao ámbito doméstico, recaendo maioritariamente sobre as mulleres”.

E é que na actualidade, máis de 2.000 persoas en Galiza agardan pola valoración da dependencia, duplicando o tempo que marca a propia Lei de Dependencia. A media de espera sitúase nos 361 días, o que fai de Galiza a cuarta Comunidade co maior atraso para acceder ás prestacións. Ademais, Galiza é o territorio que menos inviste por persoa dependente. 1.317 euros ao ano fronte aos case 2.000 da media estatal.

Segundo Seara, “por primeira vez, hai máis persoas dependentes en Galiza pagando unha residencia privada que ocupando unha praza pública ou concertada. Máis de 7.400 persoas reciben unha axuda de entre 361 e 420 euros ao mes, mentres o custo medio dunha residencia supera os 2.000 euros”.

No caso concreto do Concello de Ourense, o SAF vén de ser licitado non sen certa polémica polo feito de que a empresa finalmente adxudicataria, Clece SA, pertence ao mesmo grupo por non dicir que é a mesma empresa que viña prestando o servizo pero con distinta denominación. “Falamos dun servizo fundamental pero lastrado ao longo dos últimos anos polos incumprimentos sistemáticos da adxudicataria como por exemplo na demora inxustificada das altas no servizo, superando moi por riba o tempo establecido. Incumprimentos producidos diante da pasividade do Goberno local”.

Estamos diante dun Servizo municipal que conleva un custe para as arcas municipais próximo aos doce millóns de euros pero que ao mesmo tempo, está tendo repercusión económica nas propias usuarias e usuarios a quenes a empresa adxudicataria lles está comunicando un incremento de até un 30 % da aportación que teñen que realizar, incremento que en moitos dos casos e debido á situación persoal, familiar e económica das persoas afectadas, supoñen un gasto excesivo e inasumíbel”.

Diante desta situación, o BNG proporá que sexa o Concello, con fondos propios e tal e como acontece noutros municipios do país, quen asuma o citado incremento de até o 30% que a empresa adxudicataria está comunicando ás usuarias e usuarios do Servizo pola súa prestación.

Igualmente solicitarán apoio para reclamar o incremento da aportación da Xunta até os 20 euros a hora, a redución dos tempos de valoración así como o incremento do investimento por persoa dependente. “É imprescindíbel que o Pleno do Concello se posicione en defensa do sistema público de atención á dependencia e esixa á Xunta de Galiza un cambio radical nas súas políticas”.

O BNG reclamará no Pleno do Concello melloras no Servizo de Axuda no Fogar (SAF)