O BNG pedirá explicacións á Xunta de Galiza polas obras que se están a executar na rúa da Granxa
As obras que a Xunta está executando nesta rúa da cidade xeran malestar entre a veciñanza tanto polos materiais empregados como polos acabados das mesmas
Ourense, 21 de novembro de 2023. O Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense desprazouse á rúa da Granxa de Ourense logo de recibir numerosas queixas da veciñanza da zona e relativas ás obras que nela está a executar a Xunta de Galiza.
As principais reivindicacións veciñais veñen dadas polos materiais empregados nas obras, nas que se están substituíndo tramos de beirarrúa que contaban con baldosa por outras de formigón. Ademais a veciñanza amósase descontenta co resultado final das obras, onde mesmo se están cubrindo con cemento rexistros do sistema de saneamento e alcaltarillado o que provocará “ter que picar de novo no caso de querer acceder a elas”.
O Portavoz municipal do BNG Luís Seara, departiu coa veciñanza e comprometeuse a trasladar as súas reivindicacións á Xunta de Galiza a través do Parlamento galego.
Seara comparte as reclamacións veciñais pois entende que “o que reclaman é absolutamente coherente”, e engade, “as obras que se están executando non responden ás necesidades da veciñanza”.
“Solicitaremos ao Goberno galego toda a información relativa ao proxecto, os motivos polos que se opta por este tipo de materiais que provocan que a rúa non manteña a homoxeneidade e que, sobor de todo, se atendan as demandas e reivindicacións veciñais pois son, en última instancia, os que van padecer as consecuencias dunha actuación mal executada”.
O Portavoz do BNG adianta que, “farémolo a través do noso deputado no Pazo do Hórreo Iago Tabarés. Preguntaremos e pediremoslle explicacións á Xunta de Galiza co obxectivo de que se atendas as reivindicacións da veciñanza”.