A portavoz nacional do BNG participa do evento “A Esencia da Orixe” dos Grupos de Desenvolvemento Rural en Verea.
Ana Pontón destacou o desenvolvemento rural como un dos eixos fundamentais do vindeiro goberno galego presidido polo BNG.
Verea, 19 de novembro de 2023. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participou hoxe, no concello de Verea, no evento organizado por tres Grupos de Desenvolvemento Rural, o GDR e o Rural de Pontevedra, o GDR e Norte tamén de Pontevedra e o GDR Limia Arnoia de Ourense , co nome a “A Esencia da Orixe” que pretende por en valor o noso medio rural.
Desde o BNG son moitas as propostas en materia de desenvolvemento rural para dar un impulso e unha estratexia a este medio.
Dentro destas actuacións, que se teñen promovido desde fai tempo desde o nacionalismo galego e mesmo posto en práctica, como a recuperación de terras, cando o BNG ocupou responsabilidades de goberno desde a Xunta de Galiza entre o 2005 e o 2009, destacan as actuacións dirixidas a fomentar unha economía verde; a recuperación de persoas agricultoras e gandeiras; a posta en marcha do tícket rural, consistente nun incentivo económico sobre 20.000 € que permita desenvolver actividades no medio rural que poidan ser bonificadas con esta axuda con vocación de permanencia durante un mínimo de cinco anos; e ao mesmo tempo poñer en marcha actuacións que fornezan de servizos ao medio rural.
Unha estratexia completa de desenvolvemento do medio rural que permita tanto actividades agrarias como actividades non agrarias que comece a cambiar o panorama das provincias do interior, como é a provincia de Ourense.
Por todo isto a portavoz nacional do BNG participa no evento dos GDRs co ánimo de apoiar e reforzar actuacións deste tipo, que poñen en valor o importante medio rural do noso País e especialmente en Ourense.