Na reunión do Consello Municipal de Deportes deste xoves, o BNG propón medidas de apoio extraordinarias para o deporte do Concello
O Grupo Municipal no Concello de Ourense fai as propostas logo de manter varios encontros con clubes e asociacións deportivas do concello e de avaliar conxuntamente a situación actual e futura.
Ourense, 29 de Outubro de 2020. Para o Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense, a actividade deportiva é fundamental en calquera momento pero cobra unha máxima importancia nestes tempos de incertidume e de pandemia.
Permitir que os máis cativos poidan practicar deporte resulta para o BNG fundamental como elemento de dinamización social e para manter certa normalidade dentro das súas vidas.
A este respeito, desde o BNG queren por en valor o enorme traballo feito polos clubes deportivos do concello á hora de adaptarse á nova realidade e as novas resticcións impostas polas autoridades sanitarias. Establecendo protocolos nos adestramentos, adquirindo material de hixiene e desinfección, reducindo os grupos de traballo, etc. E todo elo, co único obxectivo de poderlle ofrecer aos máis cativos a posibilidade de retomar ou iniciar, segundo o caso, a súa actividade deportiva.
Porén, e logo de varias xuntanzas mantidas polo Grupo Municipal do BNG nos últimos días con clubes de diferentes disciplinas deportivas para coñecer polo miúdo e de primeira man a situación particular de cada un, as necesidades existentes, e sobre todo, para por en común aquelas cuestións nas que o concello debe ser parte activa á hora de contribuir a paliar a difícil situación pola que están a pasar, son as propostas que o BNG ven de trasladar ao Consello Municipal de Deportes do Concello de Ourense.
De entre as citadas propostas, destaca, a creación dunha mesa de traballo para tratar a modificación ou adaptación temporal das bases que rexen a convocatoria de subvencións pola liña de concorrencia competitiva para evitar que como consecuencia da pandemia e das limitacións e restriccións que os clubes teñen para poder competir e traballar coas escolas de base, non vexan mermadas as contías na vindeira convocatoria por non poder xustificar determinados apartados presentes nas bases como son, quilometraxe, participación en eventos deportivos, ou licenzas federativas.
Así mesmo, desde o BNG proponse artellar unha convocatoria extraordinaria de axudas nas que os clubes poidan facer fronte aos gastos derivados da adquisición de material de hixiene e desinfección para o cumplimento dos protocolos, e que tal e como trasladaron nas reunións mantidas, supoñen un importante gasto dentro dos seus xa de por sí, mermados orzamentos.
Por último, desde o BNG lembran que en varias ocasións propuxéronlle ao Consello Municipal de deportes a creación do denominado "carné do deportista" cuio obxectivo sería o de establecer uns bonos especiais para aqueles deportistas que acceden as instalacións deportivas municipais únicamente para desenvolver actividades ao amparo do seu clube.