O BNG pedirá no pleno do venres a dimisión do alcalde
Nunha comparecencia diante dos medios esta mañá ás portas da casa do concello, os concelleiros Luis Seara e Rhut Reza avaliaron a situación da cidade e os motivos que os levan a presentar esta moción.
Ourense, 08 de setembro de 2020. Pasadas as 10.00 h. comparecían Luis Seara e Rhut Reza diante dos medios ás portas do concello para comentar a actualidade municipal e explicar os motivos que os levan a presentar unha moción na que piden a dimisión do actual alcalde, Gonzalo Pérez Jácome.
Para o concelleiro Luis Seara a situación na que se atopa o concello actualmente é absolutamente insostible. Para o portavoz nacionalista no concello "a denuncia dos díscolos que nun principio aludían a opacidade e falla de transparencia na xestión dos fondos que recibe DO deu un xiro nos últimos días coa denuncia diante de fiscalía con grandes irregularidades dos cartos públicos" ante este novo escenario Seara deixou claro que o "BNG non se podía por de perfil", ao tempo que reiteraba que "non nos sorprende o modus operandi do alcalde, de feito xa era ben coñecido".
Seara lembrou que o BNG entende que é preciso, nestas circunstancias, tomar a iniciativa, e por ese motivo, a formación nacionalista solicitará no pleno do vindeiro venres a dimisión do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome. "Ourense está a pagar un prezo altísimo, perpetuando os comportamentos caciquís de Baltar que tanto lastran o desenvolvemento de Ourense a través do mercadeo de vontades para menter a deputación, e contribuíndo ao desgoberno e caos no que está sumido o concello, que leva acumulados máis de 5 anos de parálise".
O concelleiro incidiu na responsabilidade que en toda esta cuestión ten o PP, que a día de hoxa continúa gardando silencio. Para o portavoz nacionalista non se pode pasar por alto o feito de que "se Jácome é alcalde é por obra e graza do PP" ao tempo que incidía en que "todo esto responde a unha estratexia de Baltar, bendecida por Núñez Feijóo, quen antes das eleccións municipais aseguraba que Jácome sería letal para Ourense", e insistía "Jácome é so parte do problema".
Para os nacionalistas non é casual tampouco que todo isto estourase unha vez se celebraron as eleccións galegas. "que Jácome é un xoguete en mans do PP levámolo dicindo desde o comezo de mandato, que se desfarían del en canto xa non lles servise, tamén, o que non agardábamos é que todo se precipitase tanto " asegurou Seara.
E todo isto diante dunha cidade que continúa nunha parálise absoluta, a cal repercute claramente na veciñanza, unha veciñanza que ao igual co BNG, apuntou Seara, "segue agardando pola resposta a todo isto do PP". Ourense agarda a que "o PP se posicione claramente sobre cales van ser as súas intencións aínda que vendo os últimos movementos de Baltar na deputación coa solicitude de certificados aos grupos de xustificación dos gastos deixan entrever por onde poden ir as cousas".
O pleno do vindeiro venres servirá para escenificar o posicionamento de cada un dos grupos a respeito desta cuestión que o acapara todo nas últimas semanas e que obriga a dar un paso adiante para tentar desbloquear a situación.
Para o Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense, non se precisa só un cambio de alcalde senon que é preciso unha rexeneración total da institución, proceso no cal o BNG leva traballando desde hai moitos meses.