Posicionamento do BNG diante da retirada de competencias a Caride e Álvarez e ante a rolda de prensa do Grupo Municipal do PP e dos "díscolos" de DO
Ourense, 08 de setembro de 2020. O Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense quere manifestar ante os acontecementos acaecidos nesta mañá, co cese nas súas responsabilidades de goberno de Miguel Caride e Manuel Álvarez e a posterior rolda de prensa do grupo Popular, o seguinte:
1. De non ser pola moción rexistrada polo BNG para debater no pleno do vindeiro venres, e na que se solicita a dimisión do alcalde do concello Gonzalo Pérez Jácome, o PP non tería movido ficha, deixando pasar o tempo e con elo enquistando unha situación insostible desde hai semanas e que contribue á parálise do concello e ao descreto da política. Os nacionalistas destacan que unha vez máis primaron os intereses partidistas do PP por riba dos interese xeral da veciñanza de Ourense.
2. O Partido Popular, que é especialista en xogar coas verbas, cando fala da "suspensión do pacto con DO para que o alcalde reaccione", lémbralle aos nacionalistas o famoso "cese temporal da convivenvia", empregado no seu día pola Casa Real para enmascarar o que en realidade, non deixaba de ser un claro divorcio.
3. Ao BNG no concello de Ourense non lle valen as bágoas de concodrilo do portavoz do PP Jesús Vázquez na rolda de prensa de hoxe, aludindo a que "é normal emocionarse cando un fala de Ourense nesta situación" cando él, xunto ao resto de membros do PP, son responsables directos da situación na que nos atopamos, pois posibilitaron fai algo máis dun ano que Jácome fose investido alcalde, participando mesmo nun goberno conxunto.
4. No BNG tampouco queren pasar por alto as declaracións en rolda de prensa de Manuel Ávarez esta mesma mañá, aludindo ao feito de que en DO non hai militantes porque Jácome así o quixo, ante o medo a perder poder dentro do partido. Os nacionalistas queren por de manifesto que un partido sen militantes non é un partido, é un conxunto de intereses cuio único obxectivo é acadar o poder ao prezo que sexa.
5. Destacan que esta situación soamente ten unha solución posibel, que a dereita deste concello se bote a un lado e posibilite o cambio, que vai máis alá dun cambio de alcalde. Para o BNG é necesaria unha rexeneración total da institución que so vai ser posibel cunha alternativa de goberno na que desde o BNG se leva traballando desde hai meses.
6. Desde o BNG pídenlle aos díscolos que deixen as súas actas de concelleiros, co conseguinte abandono da deputación daqueles que tamén son deputados provinciais, e posibiliten o cambio que Ourense precisa para borrar de vez o caciquismo e o clientelismo que tanto dano está a facer.