O BNG pedirá en Pleno que o Concello de Ourense participe activamente da celebración do ano Castelao
Desde a formación nacionalista promoverán o recoñecemento de Castelao como primeiro Presidente de Galiza, así como o impulso dunha programación municipal propia "que poña de relevo a dimensión política, o seu compromiso con Galiza, a súa obra artística e literaria e o seu humanismo e internacionalismo solidario"
Ourense, 04 de xaneiro de 2025. Se por algo se caracteriza o presente ano 2025 é pola súa declaración como ano Castelao, en homenaxe a quen, segundo sinala a Concelleira do BNG Erea Blanco “é a principal figura política e cultural da historia contemporánea de Galiza, unha condición que deriva dunha traxectoria vital guiada pola integridade ética, a loita contra todo tipo de discriminacións e desigualdades, a defensa dos dereitos nacionais de Galiza e a militancia no internacionalismo solidario”.
O Grupo municipal das nacionalista entende preciso “honrar e celebrar a unha das persoas máis senlleiras da historia de Galiza. Temos a obriga de facelo sendo fieis ao seo pensamento, á súa obra e ao seu compromiso político que constitúen unha unidade indisolúbel. O primeiro presidente de Galiza foi un demócrata íntegro e exemplar. Todo o que fixo e dixo Castelao ao longo da súa vida e en todos os lugares do mundo nos que estivo, foi esencialmente política ao servizo da nación e do pobo galego”.
Erea Blanco lembra que “inmediatamente despois da súa morte, o franquismo iniciou a construción dunha versión manipulada de Castelao, enxalzando o creador e o artista xenial, e atacando, ocultando ou minimizando a súa traxectoria e obra política” e engade, “continuar con esta visión distorsionada, convertelo nun mito desprovisto de ideoloxía e de compromiso político, utilizalo como estandarte en contra dos ideais que defendeu, constitúe unha fraude histórica e unha negación do legado inmenso que nos deixou”.
O BNG agarda acadar o apoio do resto de Grupos da Corporación para “instar á Xunta de Galiza ao recoñecemento de Castelao como primeiro Presidente de Galiza e o Consello de Galiza como o primeiro Goberno galego da etapa contemporánea. Para instar ao Goberno Local do Concello de Ourense a apoiar a declaración do ano 2025 como Ano Castelao así como para que desde o Concello se impulse unha programación municipal propia que poña de relevo a dimensión política de Castelao, o seu compromiso con Galiza, a súa obra artística e literaria e o seu humanismo e internacionalismo solidario”.
A formación nacionalista tamén quere pór o foco na situación na que actualmente se atopa a estatua homenaxe sita na Praza da Imprenta, reclamando “a adopción de todas as medidas que sexan precisas co obxectivo de protexer a súa integridade”.