O BNG solicita unha Xunta de Área de Urbanismo extraordinaria, urxente e monográfica sobre a posible reapertura da discoteca Macao

Luís Seara, Portavoz do BNG no Concello de Ourense
Luís Seara, Portavoz do BNG no Concello de Ourense

Logo de ter revisado o expediente, desde o Grupo municipal do BNG entenden preciso que o Goberno local informe pormenorizadamente de todos os pasos que se están a dar en relación á posible reapertura da discoteca xa que, segundo sinalan, “existen moitas dúbidas en torno ao proceder de Urbanismo con este expediente”

O BNG solicita unha Xunta de Área de Urbanismo extraordinaria, urxente e monográfica sobre a posible reapertura da discoteca Macao

Ourense, 02 de xaneiro de 2025. O Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense ven de anunciar que este mesmo luns solicitará formalmente ao Concelleiro delegado de Urbanismo Francisco Lorenzo, “a convocatoria urxente dunha Xunta de Área de Urbanismo para abordar, monográficamente, todo o que está acontecendo co expediente relativo á discoteca Macao e a súa posible reapertura”.

Para o Portavoz dos nacionalistas Luís Seara, “existen moitas dúbidas en torno a este establecemento, cuxo cese de actividade decretouse no seu momento como consecuencia da realización de obras no seu interior sen a previa e necesaria autorización municipal”.

Seara vai máis alá ao sinalar que, “visto o expediente, chama moito a atención como reiteradamente os expedientes para a revocación da licencia de apertura non foron resoltos en tempo e forma, impedindo polo tanto dita revocación e moito máis como agora, no que o último expediente aberto tamén está na fase de caducidade, decídese obviar dita situación, promovendo o sobreseemento do mesmo e permitindo deste xeito que o local poda abrir de novo ao público”.

Para o BNG é urxente que o Concelleiro delegado de Urbanismo “compareza, ofreza todas as explicacións sobre o porqué deste proceder e responda a todas as dúbidas e preguntas que poidamos formular desde a Oposición, que xa adianto, son moitas”.

Outro dos motivos que levan ao BNG á petición dunha Xunta de Área de Urbanismo para falar monográficamente da discoteca é “a evidente inquedanza que esta posible reapertura está a xerar na veciñanza da zona pois teñen no recordo as molestias e os prexuízos sufridos por parte dun establecemento pechado e precintado no seu día pola Policía Local e ao cal se lle pretende autorizar a reapertura en base a unha licenza que non debía estar en vigor e en todo caso, sen cumprir coa normativa actual relativa a accesibilidade e seguridade”.

Finalmente, desde o BNG advirten igualmente das consecuencias que, en termos económicos pode ter para as arcas municipais, “adoptar unha decisión que poda rematar co Concello nos tribunais e tendo que facer fronte no futuro a indemnizacións de cuantiosa contía, algo que por desgraza é habitual no Concello de Ourense se de decisións urbanísticas falamos”.

O BNG solicita unha Xunta de Área de Urbanismo extraordinaria, urxente e monográfica sobre a posible reapertura da discoteca Macao