O BNG pide ao goberno que garanta que os nenos e nenas ourensáns non teñan que levar táper
O BNG pide que se garanta que os nenos e nenas de Ourense teñan
garantido o acceso aos comedores escolares. Os nacionalistas creen que as precarias economías das familias non poden soportar tamén a decisión da Xunta de ampliar o copago do servizo de comedor aos nenos e nenas transportados así como o aumento do prezo do menú para os que xa o están pagando.
Moitas nenas e nenos terán que levar a comida da casa, no xa famoso táper, e terán que comer apartados dos alumnos que sí empregan o servizo de comedor. Pero quen lles vai quentar a comida, quen se vai ocupar de darlles de comer as nenas e nenos máis pequenos terán que levar a sopa nun termo e chupala por unha palliña?-.
A decisión do goberno do PP vai ter tal repercusión sobre as familias que dende o BNG queremos paliar, na medida do posíbel, as consecuencias que poida ter nas alumnas e alumnos dos centros de Ourense e , polo tanto, esixiremos que se destinen os cartos que sexan precisos para que todos os nenos e nenas ourensáns poidan utilizar o servizo de comedor, comedor gratuito para o alumnado con menos recursos. Os nacionalistas traballaremos para evitar
segregacións e discriminacións de calquera tipo.
Por outra banda, o Grupo Municipal critica tamén a decisión da Xunta de converter o Instituto da Carballeira nun centro onde só se impartirá Formación Profesional. . Esta medida supón un gravísimo ataque ao ensino público non só pola perda de postos de traballo senón tamén pola masificación na que se van atopar os centros que teñan que acoller a estes alumnos. Isto acontece mentres o goberno do Partido Popular segue subvencionando centros privados.