Comisión especial para evitar desafiuzamentos, proposta do Grupo Municipal do BNG

Comisión especial para evitar desafiuzamentos, proposta do Grupo Municipal do BNG

No pleno do 7 de decembro do 2012 o BNG presentou unha moción sobre a modificación hipotecaria que dentro dos acordos establecía a creación dunha comisión especial para tratar os casos de desafiuzamentos no Concello coa participación das plataformas de afectadas. A moción foi aprobada, cos votos en contra de PP e DO e tras varios retrasos finalmente o BNG conseguiu que se convoque esta comisión o 21 de marzo no Centro Cívico Colón.

O BNG entende que o Concello debe liderar, pois ten os recursos para facelo, a resposta cidadá fronte aos desafiuzamentos e a crise que moitas familias viven e que lles impide facer frente ás súas obrigas hipotecarias ou de alugueiro e que, na situación de crise actual, sitúa a cada vez máis xente en risco de exclusión social.

O Grupo Municipal do BNG trasladolu á Comisión Especial celebrada este xoves 21 de marzo ás 19.00h no Centro Cívico Colón esta proposta de funcionamento e obxectivos da comisión que recollen moitos dos pasos que esta dando o BNG noutros Concellos para pór os recursos municipais a dispor da cidadanía nesta materia. Nomeadamente no Concello de Culleredo onde a Comisión Especial creada a iniciativa do BNG informa e asesora ás veciñas a través da súa OMIC e, coa colaboración das plataformas de afectadas, apoia e dá cobertura ás afectadas que se achegan ao Concello.

Obxectivos

1. Mobilizar as axudas ao aluguer para casos de desafiuzamentos a través das prestacións económicas para situacións de emerxencia ou urxente necesidade social de que dispoñan os Servizos Sociais do Concello.

2. Mobilizar as axudas para evitar o corte de subministros básicos como auga, gas ou luz, así como gastos para a alimentación.

3. Implementar medidas previas á situación de desafiuzamentos, mediando coas entidades financeiras, e deste xeito evitar a perda da vivenda e consecuente risco de exclusión social e familiar.

4. Acometer todas aquelas medidas que, desde a institución municipal, e dentro do seu marco competencial, tendan a modificar o status quo da lexislación e procedementos vencellados á materia hipotecaria.

Acción a desenvolver dende a Comisión

1. Coordenar as entidades que estan a traballar dende diferentes perspectivas e frentes para axudar ás familias que non poden facer fronte ás hipotecas ou alugueres.

2. Realizar unha campaña pública para dar a coñecer a existencia da comisión e as propostas de apoio e asesoramento dende a mesma a toda a cidadanía que permita que os casos non cheguen á comisión nas fases máis avanzadas que impiden calquera resposta por parte do goberno municipal.

3. Estudar a posibilidade de axudas ao alugueiro, axudas para evitar os cortes de subministros básicos

como auga, gas, luz e axudas á alimentación ás persoas afectadas.

4. Eliminar o imposto municipal de plusvalía para as persoas afectadas que sufran a perda da súa vivenda en poxa, e para aquelas que logren a dación da vivenda en pago, naqueles supostos que a lei o permita.

5. Establecer unha bolsa de vivendas solicitando a aquelas propietarias dispostas a colaborar que os cedan en depósito a cambio de que esten ocupados, sen cobrar un alugueiro, e no que as inquilinas só terían que facer fronte ás facturas de suministro. O Concello actuará como intermediaria entre propietarias e arrendatarias

6. Interpelar ás entidades financeiras que operan no municipio para exixirlles a paralización dos desafiuzamentos e a condoación de débedas ilexítimas froito do actual proceso de execución hipotecarias, coa indicación de que en caso contrario, procederase á retirada dos fondos municipais en ditas entidades.

7. No caso de que algunha entidade financeira non paralice os desafiuzamentos, ou non se aveña a negociar o Concello procederá á retirada dos seus depósitos bancarios e paralizará toda actividade mercantil coa entidade.

8. Eximir do pago do IBI a aquelas entidades financeiras que muden as hipotecas contraídas por persoas que non poden facer fronte ao seu pago, por alugueiros sociais e se convirtan en propietarias aceptando a dación en pago das vivendas.

9. Propor ás entidades financeiras a eliminación das comisións de mantemento das contas para usuarias que perciban a RISGA ou pensións non contributivas.

10. Propor ás entidades financeiras a eliminación das tasas que as entidades cobran pola emisión de documentos que as usuarias necesiten para tramitar as axudas para persoas en situación de emerxencia social.

11. Solicitar ás entidades bancarias que retrasen os recibos das persoas que perciben subsidios por desemprego pois en moitas ocasións estes recibos chegan antes que os ingresos do Instituto Nacional de Emprego.

12. Dirixirse á Consellería de Industria da Xunta de Galiza e ás compañías eléctricas e gasísticas para reclamar que deixen de cobrar alta aos usuarias que teñan o seu caso na Comisión Especial e aos que se lles cortou o servizo por non poder facer fronte ás facturas.

13. Colaboración dos servizos xurídicos do Concello de Ourense en todos os casos que o requiran. Colaboración e coordenación coa Oficina de Intermediación Hipotecaria posta en marcha hai máis dun ano polo Colexio de Abogadas de Ourense.

14. Realizar dende a Comisión e en todo o momento o acompañamento das persoas afectadas para as súas xestións administrativas coa banca e as entidades de servizos (luz, gas ou auga).

Estrutura

O BNG considera necesario crear unha subcomisión técnica composta por técnicos municipais de servizos sociais e delegadas das asociacións presentes na comisión que teña como función a de abordar os casos que cheguen á comisión, realizar un seguimento dos mesmos e elevar as propostas técnicas e as resolucións ou propostas de solucións á aprobación da Comisión Especial.

Esta é a proposta que trasladou o BNG na Comisión Especial e que agardamos teña acollida por parte do goberno municipal para a súa posta en marcha.

Ourense, 21 de marzo de 2013

Comisión especial para evitar desafiuzamentos, proposta do Grupo Municipal do BNG