O BNG pide que o Concello adxudique obras e servizos a empresas ourensás
Con 32.300 persoas desempregadas, Ourense precisa políticas de promoción de emprego que paren a sangría do paro que están a padecer as veciñas e veciños de Ourense. Neste contexto, e como medida efectiva, o BNG avoga pola contratación das empresas locais e presentará unha moción no próximo pleno pedindo o compromiso do Concello de Ourense para favorecer a concesión de contratos de obras e servizos ás empresas locais.
Ata o de agora, a maioría dos grandes contratos están sendo adxudicados a empresa foráneas, co domicilio social fóra de Galiza e que empregan en condicións precarias ao persoal. Segundo o portavoz, Xosé Somoza, o concello debe ser motor da economía local pero a tendencia é precisamente a contraria xa que as PEME's ourensás non poden concurrir cando os contratos se fan nun só lote.
Somoza Medina puña como exemplo o que vai acontecer coa adxudicación do mantemento das zonas verdes da cidade, un contrato de máis dun millón de euros ao que non vai poder acceder ningunha empresa ourensá nin galega co que o investimento público non vai repercutir nas veciñas e veciños de Ourense. Nun intento de invertir a situación o BNG preguntou por qué non se facía a adxudicación en lotes máis pequenos e a concelleira responsábel da área respostou que era unha decisión política polo que agora os nacionalistas queren saber cal é o posicionamento dos grupos á hora de apostar por esta iniciativa.
Na iniciativa que promove o BNG, e que foi recollida no programa electoral, este compromiso de contratación pública, ética e responsábel favorecerá, segundo Xosé Somoza, a transparencia dos procesos de contratación coa obriga de publicar todos os pasos administrativos dos expedientes na web municipal.
Outra das cuestións que se porían en marcha para favorecer que as PEME's ourensáns puideran presentarse aos concursos sería a non esixencia dos depósitos en metálico que se piden cando se adxudica unha obra ou servizo e non se devolve ata que remata, feito éste que impide a moitas empresas poder presentarse por non dispór destas cantidades.
Os nacionalistas piden tamén con esta proposta que o Concello dé preferencia ás empresas locais cando haxa igualdade de ofertas e cando @s empregad@s vaian ser discapacitad@s, mulleres e homes en risco de exclusión social ou mozas e mozos que son as persoas que máis están a sofrir a lacra do desemprego.