Escracho institucional a@s deputad@s do PP que legalizaron o roubo das Preferentes
Dende que o BNG tivo coñecemento de que máis de 60.000 galegos e galegas foran estafados polas entidades bancarias con produtos lixo -participacións preferentes e obrigas subordinadas- promoveu diferentes actuacións no plano político e institucional encamiñadas a mostrar o seu compromiso e solidariedade coas e cos nosos compatriotas.
Hoxe, o Grupo Municipal do BNG de Ourense fai pública unha moción que levará ao próximo pleno na que pide declarar persoas non gratas aos 15 deputados e deputadas do PP de Galiza que aprobaron as quitas ás persoas estafadas e que vai significar a expropiación de 600 millóns de euros.
A concelleira, Ximena González, apuntou ao feito de que en Ourense son máis de 5.000 familias as que verán afectada á súa vida por este roubo e que o BNG traslada ao Concello o que a plataforma de afectad@s reivindica nas rúas, é dicir que lles devolvan o 100% dos cartos e que se ilegalicen as quitas. Fixo fincapé no feito de volver abrir este debate na institución local para que cada grupo se volva posicionar máis tamén para que o PP pida perdón por terlle mentido a@s ourens@ns .
As nacionalistas tamén pedirán acordo plenario para rexeitar as políticas do goberno central contrarias aos intereses de milleiros de familias afectadas por esta estafa e do que son cómplices, entre outros, 3 deputad@s ourensáns, Ana Belén Vázquez, Celso Delgado e Guillermo Collarte, éste último tamén concelleiro en Ourense e que amosou, como é habitual no PP, contradiccións á hora de defender os intereses das persoas ás que representa. O seu grupo presentara emendas a unha moción do BNG en xullo do 2012 na que pedían que os afectados recuperaran o 100% do investido, porén votaron en contra da proposta nacionalista porque ademais o BNG solicitaba a creación dunha banca pública galega, a creación de comisións de investigación para esclarecer responsabilidades e solicitar a celebración dun referendo vinculante sobre o rescate da Unión Europea á banca española.
Tamén interviu na rolda de imprensa un representante da plataforma ourensá, Antolín Fernández, quen criticou a incoherencia do PP que na Deputación vota a favor da moción do BNG na que se solicitaba a devolución dos aforros e no Concello de Ourense e no Congreso votan a favor do roubo. Antolín Fernández apuntou que levan máis dun ano manifestándose e que seguirán coas mobilizacións ata que recuperen todos os seus cartos porque solucionar este problema é unha decisión política.