O BNG pide a creación dunha brigada municipal exclusiva para a limpeza de predios, camiños e beiras do Barbaña e unha patrulla medio ambiental na Policía Local
Entenden preciso que ditos traballos sexan realizados ao longo de todo o ano e de xeito periódico co obxectivo de manter sempre limpos os camiños e os predios de titulariedade municipal para evitar así a acumulación excesiva de masa forestal durante o inverno
Ourense, 01 de outubro de 2025. No Pleno que o Concello de Ourense ten previsto desenvolver este vernes día 3 de outubro, a limpeza de camiños, predios e marxes do río Barbaña, serán obxecto de debate a través da moción rexistrada polo Grupo municipal do BNG. E é que tal e como sinalan na súa exposición de motivos, “unha das queixas máis recorrentes da veciñanza que vive no perímetro rural do noso concello é a relativa á limpeza e desbroce de parcelas e camiños”.
O Concelleiro Xosé Manuel Puga subliña que “a preocupación é máxima e vai en aumento pois todas e todos temos no maxín, as imaxes de aldeas devoradas por completo polo lume. É preciso que desde o Concello se realice a limpeza das parcela e dos camiños veciñais, moitos deles nun estado de limpeza e conservación que os fai impracticables”.
Puga incide en que “está ben esixirlle aos particulares que cumpran coas súas obrigas nesta materia mais a administración debe ser a primeira en dar exemplo e cumprir coas súas” e engade, “os traballo de limpeza e desbroce non poden circunscribirse exclusivamente a un periodo moi concreto do ano, como pode ser a primavera ou o inicio do verán no que, por outra banda, convén incrementar ditos traballos debido á floración da vexetación nestas épocas”.
“Desde o Grupo municipal do BNG entendemos preciso que dita limpeza e desbroce sexa realizada ao longo de todo o ano e de xeito periódico co obxectivo de manter sempre limpos os camiños e os predios de titulariedade municipal e para evitar así a acumulación excesiva de masa forestal durante o inverno, feito que dificulta o seu tratamento durante a primavera e o verán”.
Para desenvolver ditos traballos, os nacionalistas propoñen a creación dunha brigada específica dotada con persoal e medios materiais suficientes que permitan “desenvolver estas tarefas al longo de todo o ano, incluída tamén a limpeza e o desbroce periódico das marxes do río Barbaña, motivo de queixa constante por parte da veciñanza polo seu lamentable estado”.
Igualmente, pedirán a creación dunha unidade especializada en medio ambiente no seo da Policía Local. Esta unidade estaría formada por axentes especializados e formados na materia que servirían tamén de apoio e soporte para os traballos e cometidos a desenvolver pola propia Concellería de Medio Ambiente.