O BNG pide diálogo e propón reaxustar máis de 25 millóns da actual proposta de modificación de crédito plantexada polo Goberno Local
Luis Seara: "Este modo de proceder do Goberno Local revela a súa escasa talla democrática, ao non abrir unha canle de diálogo cos grupos e non permitir achegas dos mesmos".
"Independentemente de que acepte ou non as nosas propostas, nós queremos confrontar a súa proposta coa nosa, para evidenciar que 62 millóns de euros se poden gastar doutro xeito".
Ourense, 02 de xuño de 2021. Esta mañá compareceu o Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense para expor valorar as modificacións de crédito anunciadas polo actual rexedor Gonzalo P. Jácome e sobre todo para facer pública a súa proposta.
O portavoz nacionalista Luis Seara comezaba a súa intervención lembrando que "desde o inicio do mandato, o BNG leva adicado unha parte sustancial do traballo político a establecer un diálogo fluído coas asociacións, axentes sociais, entidades do terceiro sector, hostaleiros, comerciantes, xentes do deporte, da cultura, e un longo etc."
Seara afirma que "dentro da proposta do goberno hai cuestións coas que estamos dacordo, que non teriamos ningún problema en apoiar, entre elas a renovación de espazos verdes, parques infantís, ou convenios co terceiro sector, por exemplo. Pero hai outras que nos parecen cuestionables, máxime en tempos de crise económica e social".
"Imaxinamos que ao alcalde non lle parecerá mal a nosa posición, toda vez que é a mesma que él defendía cando estaba na oposición, e cando falaba e xustificaba o seu posicionamento nas modificacións en lote".
Por esta razón, o BNG presentou, ao inicio da Pandemia, unha batería de propostas que recollían as demandas, sabedores que estamos diante dunha situación histórica, non so provocada pola pandemia, senon pola cantidade de recursos dos que dispón o concello, "que debemos xestionar con rigor, con eficacia e eficiencia, desde a máxima de que primeiro as persoas e de que ninguén quede atrás".
No BNG lembran que cunha situación de pandemia que está a golpear con dureza, volveron presentar unha iniciativa no concello, hai xa meses, en decembro de 2020, pedindo a constitución dunha mesa recuperación económica e social, "para mobilizar o maior número de recursos posibles, na que estiveran representados os distintos sectores da cidade. O goberno fixo caso omiso".
Segundo Luis Seara, "chegamos aquí cunha proposta do goberno pechada, un orzamento encuberto, que vai mobilizar unha cantidade importantísima de recursos, pero que non atende, desde o noso punto de vista, as principais cuestións. Estamos diante dunha oportunidade histórica que probablemente non se volva repetir".
Remover máis de 15 millos de euros
O BNG propón adicar 5 millóns á reforma e humanización dos exteriores da Praza de Abastos nº 1. En Mobilidade, propoñen consignar 300.000 € para a posta en marcha da oficina de mobilidade, "imprescincible para a posta en marcha do PMUS", así como aumentar 60.000€ para completar a cartografía do PEPOU e mesmo 15.000€ para a catalogación de especies arbóreas.
No referido á rede de saneamento e abastecemento, o BNG propón adicar ao redor de 10 millóns de euros, en partida plurianual, para iniciar a renovación na zona histórica, que tería continuidade en anos posteriores e para completar a rede en parroquias do rural como poden ser Palmés, Untes ou Santa Cruz de Arrabaldo.
En Cultura propoñen acadar o mesmo nivel de investimentos que este departamento tivo cando o BNG ocupou a Concellaría, é dicir, 3 millóns de euros, para o cal incrementaríase a partida actual en 1,5 millóns cuio obxectivo non sería outro que recuperar o ciclo festivo. Propóñense aumentos tamén no departamento de normalización lingüística (30.000€) para a programación do auditorio (100.000 €) ou mesmo para a UPO (150.000 €).
Desde o BNG fan unha mención especial á situación na que se atopa o Auditorio Municipal e o cal, debido á falla de mantemento dos últimos anos, precisaría dun investimento próximo ao millón de euros para a súa posta a punto.
Servizos Sociais é outro dos ámbitos nos que o BNG propon mobilizar recursos, concretamente falan de 855.000 € para a sinatura de convenios e para o aumento das contías por concorrencia competitiva.
10 millóns para comerciantes e hostalería
Na rolda de Prensa, o portavoz Luis Seara puxo enriba da mesa o acordo plenario acadado no seu día para adicar unha partida de 10 millóns de euros ao sector do pequeno comercio e a hostalería do concello e que na proposta remitida polo Goberno "non aparece por ningures".
Para Seara "neste momento de dificultade cómpre atender ó urxente, e neste caso entendemos prioritario adicar 10 millóns ao cumplimento dun acordo plenario e deixar para máis adiante a instalación de elementos de mobilidade vertical polo que propomos modificar esa partida".