A Universidade Popular e un gran pacto a prol dos Servizos Sociais a debate este venres no pleno en senllas mocións do BNG
No caso da Universidade Popular, o BNG pedirá paralizar o proceso de baixa iniciado polo Goberno Local da Federación española de UUPP.
A loita contra a pobreza, os desequilibrios sociais e o evidente colapso da Concellaría fan necesaria a sinatura dun gran pacto que permita dotar recursos e definir estratexias
Ourense, 01 de xuño de 2021. Na orde do día do pleno do Concello de Ourense a celebrar o vindeiro venres 04 de xuño, inclúense dúas mocións do Grupo Municipal do BNG nas que a Universidade Popular e os Servizos Sociais volven sen protagonistas.
Se no pleno pasado, e tamén da man do BNG, a corporación adoptaba o acordo de manter a xestión municipal da Universidade Popular, desta volta, os nacionalistas solicitarán paralizar o procedemento iniciado por parte do Goberno Local de dar de baixa a Universidade Popular de Ourense da Federación española de Universidades Populares, ao tempo que o instarán a que se programe a convocatoria de matrícula dos cursos de formación para o vindeiro curso, coa mesma validez curricular que ate o de agora.
Pacto a prol dos Servizos Sociais.
No referido á situación dos Servizos Sociais do Concello e segundo a concelleira Rhut Reza, "a política cobra todo o seu sentido cando é útil á sociedade. Ser útil implica, entre outras cousas, pór os medios necesarios para reforzar os servizos públicos, para mellorar a protección social e para loitar contra a desigualdade". Reza engade, "é aí onde as forzas políticas do concello temos o deber, nesta situación tan difícil e dramática para moitas e moitos, de acadar un pacto polos Servizos Sociais".
Un pacto no que teña un lugar predominante o benestar social como ferramenta para mellorar a vida das persoas, especialmente sobre a soidade, a desigualdade ou a vulnerabilidade.
Para o BNG, cómpre blindar os Servizos Sociais como ferramenta imprescindíbel para intervir en situacións de desigualdade ou pobreza, para detectar a marxinalidade e para garantir unha protección social adecuada a aqueles que a requiren para vivir con dignidade. Unha vez máis está en xogo a cohesión social.