O BNG pide explicacións a concello e Deputación ante a situación na que actualmente se atopa Club Ourense Baloncesto
Bernardo Varela e Luís Seara rexistran iniciativas en concello e Deputación para interpelar aos máximos representantes destas instucións ante as informacións, moi graves, segundo os nacionalistas, xurdidas nos últimos tempos mesmo co anuncio de querelas interpostas polo accionista maioritario do clube
Ourense, 17 de novembro de 2022. Bernardo Varela, voceiro do Grupo provincial do BNG na Deputación de Ourense e Luís Seara, voceiro do Grupo municipal do BNG e candidato á alcaldía do Concello de Ourense, rexistraron por escrito, no caso da Deputación e a través dunha petición formal no Consello Reitor do Consello Municipal de Deportes do concello, a esixencia de explicacións a Baltar e Jácome diante das últimas informacións xurdidas en torno á xestión do Club Ourense Baloncesto, mesmo co anuncio de querelas interpostas contra os mesmos polo actual accionista maioritario do clube.
Desde a formación nacionalista entenden que tanto o presidente provincial como o alcalde de Ourense, como máximos representantes do concello e da Deputación e responsables das mesmas na representación social do clube, deben aclarar cal é a situación actual a respecto do máximo accionista e se existen motivos para a preocupación por estas graves acusacións.
O Portavoz provincial Bernardo Varela e o Portavoz e candidato á alcaldía Luís Seara, manifestan nos seus escritos que “queremos trasladar a nosa preocupación ao respecto do clube máis senlleiro a nivel baloncestístico xa non só do concello senón da provincia. A pesares de non estar atravesando os mellores momentos deportivos, resulta máis preocupante a situación actual no que respecta á súa xestión administrativa”.
Na Deputación provincial, será na Comisión de deportes onde o deputado nacionalista Bernardo Varela aborde a cuestión.
No caso do Concello de Ourense, o BNG solicitará na reunión semanal do CMD, que sexa convocada unha reunión extraordinaria do Consello Reitor cuxo único punto na orde do día sexa a aportación de información e a avaliación da situación actual de Club Ourense Baloncesto.