O BNG pide explicacións polo novo rebentón no CHUO e acusa ao PP de mentir sobre o estado das instalacións

Noa Presas
Noa Presas, deputada do BNG por Ourense

Noa Presas afirma que “quen alarma e preocupa á xente é unha Xunta neglixente que ten as instalacións sanitarias nunha situación crítica e segue ocultando os informes do Materno”

O BNG pide explicacións polo novo rebentón no CHUO e acusa ao PP de mentir sobre o estado das instalacións

Ourense, 09 de abril de 2025. O BNG rexistrou no Parlamento Galego iniciativas a respecto do novo rebentón dunha tubería de auga quente acontecido na mañá de hoxe na zona de atención ao doente do Edificio Cristal, continuo ao Materno. “Un novo rebentón que acontece con auga quente co perigo que iso pode ter para as persoas e para a afección aos materiais e que pón negro sobre branco que pese á demagoxia e propaganda da Xunta do Partido Popular, as instalacións do CHUO non están adecuadamente revisadas e que cada dous por tres teñen algún incidente”.

Neste sentido, a deputada insiste en que “isto pasa once días despois do grave derrube do Materno infantil, que agora sabemos que foi o terceiro en ano e medio, negando no Parlamento galego a súa gravidade e votando en contra tanto de facer públicos os informes como de constituír unha mesa de traballo co persoal para abordar o desaloxo e as futuras obras, ademais de negarse a dar explicacións polas obras do novo edificio de hospitalización paralizadas desde hai seis meses”.

Presas recorda que isto é “a imaxe da vergonza e un reflexo da precariedade da situación da Área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, porque non é a primeira vez que pasa e porque se podía ter evitado e a día de hoxe non hai as explicacións debidas, non se dirimiron responsabilidades políticas e ocúltase desde cando os técnicos recomendan o derrube nin cando se vai consumar, xa que nos orzamentos de 2025 non hai ningunha partida”.

O BNG pide explicacións polo novo rebentón no CHUO e acusa ao PP de mentir sobre o estado das instalacións