BNG pídelle ao cogoberno que lle explique á veciñanza a súa inacción e renda contas da súa nefasta xestión
Seara sinala que a coalición PP-DO se esconde tras os anuncios que realizan desde as Redes Sociais e non dan a cara polas vías oficiais
O grupo municipal do BNG no Concello de Ourense criticou a nefasta xestión da coalición do Pacto da Vergoña formada por PP e DO e explicaron que non vale de nada esconder tras os anuncios que difunden polas Redes Sociais. As nacionalista solicitaron que o cogoberno renda contas diante da veciñanza e explique os motivos da súa inacción na xestión municipal.
Foron numerosas as noticias que o cogoberno da cidade anunciaba, primeiro a través das súas Redes Sociais e logo mediante roldas de prensa e comunicados pendurados na páxina web do concello de Ourense pero seguen sen coñecerse cales foron as resolucións sobre varios temas. Para o grupo municipal do BNG “vale con esconderse detrás das redes borrando e bloqueando sistematicamente a toda persoa que discrepa da versión Jacomina da realidade”. Segundo asegurou o voceiro municipal do BNG, Luis Seara, “por máis que o intenten xa non poden ocultar que hai fisuras no bigoberno” e incluso que o ambiente é de desconfianza entre os socios de goberno.
As nacionalistas criticaron que esta situación no seo do executivo municipal estea a lastrar a acción do goberno. “Están máis pendentes de competir entre o socio de goberno que de xestionar a crise” destacou Seara alertando da situación de gravidade pola falta de planificación e inacción ante a crise social e económica que o concello de Ourense está a sufrir. “Non valen escusas de mal pagador. Hai que falar con clareza, non mentir e falar coa veciñanza sen anunciar axudas que non se están levando a cabo” indicaron desde a formación nacionalista.
“As veciñas e veciños de Ourense teñen o dereito a saber e coñecer en que situación se atopa a negociación do PXOM, un elemento fundamental para o desenvolvemento socioeconómico de Ourense. Están xogando ao monopoly entre eles ocultando os verdadeiros motivos da súa disputa” dixo Seara referido aos anuncios de Jácome sobre a posíbel aprobación do Plan Xeral de Ourense. Asemade, sentenciou que a veciñanza coñece xa a parálise, a inacción e a incerteza que xera este cogoberno e desde o BNG exixíronlle ao executivo que renda contas ante á cidadanía.
Axudas para autónomos: en espera
A organización nacionalista tamén criticou que, despois de anunciar que o Concello ofrecería axudas ás autónomas e autónomos da cidade e serían libres de burocracia, a liña de aportacións aínda non se concretaron. “Cal é a verdadeira razón para que despois de 2 meses o goberno municipal fora incapaz de implantar as axudas que tanta falla fan a moitas persoas, e que poden significar para moitos a diferenza entre continuar coa actividade ou pechar definitivamente?” preguntaron desde o BNG. As nacionalistas entregáronlle ao cogoberno municipal medidas a establecer para superar a crise social e económica centrados en reactivar a economía de Ourense e contemplaban axudas para autónomos tanto por parte do Concello de Ourense como pola Xunta de Galiza.
A candidata do BNG ao Parlamento de Galiza, criticou tamén o abandono da Xunta de Galiza aos autónomos de Ourense e o resto do país xa que foi con Aragón “a Comunidade Autónoma que non estableceu axudas para autónomos, pequenas e medianas empresas”. Presas tamén destacou que o vindeiro 12 de xullo as veciñas e veciños de Ourense teñen a oportunidade para mellorar a situación de parálise en Ourense cun cambio de goberno na Xunta de Galiza.