Presas: “Precisamos incrementar o investimento no ensino. Triplicaremos os fondos de axuda desde a Xunta de Galiza”
- As nacionalistas rexeitan a instalación dunha universidade privada no país asegurando que sería perxudicial para o sistema educativo
- O BNG mantén unha xuntanza con estudantes para avaliar a situación que atravesan durante o confinamento
A cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, mantivo unha reunión telemática con estudantes universitarias e de FP para escoitar os problemas e reivindicacións do colectivo neste tempo de confinamento e aulas por videoconferencia. Presas adiantou que a Xunta de Galiza ten que protexer ás estudantes triplicando os fondos de axuda e evitar a discriminación das estudantes por cuestións económicas e blindar a Universidade Pública.
A candidata do BNG mostrou, durante a videoconferencia, a súa preocupación pola situación actual do ensino no país e na provincia de Ourense. As estudantes coincidiron no problema que supuxo o confinamento e as aulas telemáticas porque moitas delas tiñan pouca ou nula conexión e “sempre había problemas para que todas puidésemos acceder ás plataformas indicadas”. A isto súmaselle que os exames finais están sendo tamén a través de internet, a pesares de que moitas materias deron opción de realizar traballos finais, o que dificulta xa non só o aprendizaxe senón tamén o rendemento académico.
Presas sinalou que a situación non pode continuar polo mesmo camiño e a Xunta de Galiza ten que establecer as ferramentas necesarias para que todas as estudantes poidan acceder ao dereito de formarse. Nese sentido, introduciu medidas de mellora para o sistema ademais de reivindicar unha protección para as estudantes.
“A posición do BNG é clara a respecto do ensino público: temos que acabar cos recortes da última década e precisamos incrementar o investimento no ensino” recalcou Presas que propuxo “triplicar os fondos de axuda desde a Xunta de Galiza para as estudantes, chegando aos 10 millóns de euros, alén das bolsas do Ministerior de Educación”. O obxectivo desta medida é que toda estudante non sexa discriminada por cuestións económicas, asegurando a súa permanencia no ensino universitario e na formación profesional. Tamén avanzou nas axudas ás estudantes no aluguer e na habilitación pública de espazos habitacionais como as Residencias Universitarias.
Por outra banda, a candidata do BNG mostrou durante a xuntanza a súa oposición á instalación dunha universidade privada en Galiza. Lembrou que o Campus de Ourense sairía moi perxudicial de instalarse unha entidade privada: tanto para estudantes como para o conxunto da cidadanía. Sinalou que o BNG reafirmou a súa posición neste tema adiantando a que “nós non facilitaremos en ningún sentido que haxa unha universidade privada, como se pretende nestes momentos, no noso país”