O BNG pídelle ao goberno local que se implique activamente na solicitude á Xunta de Galiza de medidas de apoio económico aos sectores máis castigados polas novas restriccións na mobilidade
A formación nacionalista tanto a nivel galego como local, reclama que as novas medidas referidas ás restriccións na mobilidade no Concello de Ourense teñan soporte económico para os sectores máis castigados por esta decisión
Ourense, 08 de Outubro de 2020. A partir das 00:00 horas do xoves 08 de outubro, limítase a mobilidade da veciñanza no concello de Ourense, como consecuencia da aplicación do nivel 3 de medidas contra a pandemia da Covid-19. Estas restriccións lévanse a cabo tamén no limítrofe Concello de Barbadás, concello estreitamente ligado á actividade económica e social da propia cidade.
Resulta evidente para o BNG que estas novas medidas restrictivas teñen unha gran afectación naqueles sectores e ámbitos nos que a interacción social é básica, refírense nomeadamente os nacionalistas ao sectores da hostalería, comercio e turismo da cidade.
Sectores amplamente golpeados desde o comezo da pandemia e principais focos de atención por parte das autoridades competentes á hora de adoptar medidas restrictivas.
No caso concreto do Concello de Ourense, os sectores hostaleiro e comercial, representan os grandes impulsores no que a dinamización económica, promoción e creación de emprego se refire ademáis de ser grandes polos de atracción turística. No BNG non son alleos á que as medidas adoptadas pola Xunta de Galiza e que limitarán notablemente a mobilidade das veciñas e veciños afectará significativamente nuns sectores que non acaban de ver a luz ao final do túnel.
É por elo, que desde o Grupo Parlamentar do BNG no Parlamento galego e a través dos deputados por Ourense, Noa Presas, Iago tabarés e María G. Albert, rexistraron unha proposición non de lei para instar á Xunta de Galiza a que acompañe ás medidas de confinamento con apoio económico e axudas directas a todo o sector da hostalería, do comercio e do turismo na provincia de Ourense que contribúa a paliar esta difícil situación.
A estas reivindicacións súmase o Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense, o cal venlle reclamando desde fai meses ao alcalde da cidade, convoque unha xunta de voceiros na que se aborde a situación sanitaria da cidade e do concello en xeral e para, que entre outras cousas, se poidan por en común medidas que desde a propia administración local contribúan a paliar as consecuencias que as novas medidas impostas teñen sobre os sectores referidos.
Ante esta situación, o concello non pode permanecer alleo e debe traballar arreo para tentar acadar acordos e medidas de apoio que fagan máis levadeira a situación.
Desde o BNG no Concello de Ourense, abógase por que ten que ser o propio concello quen encabece as reivindicacións diante da Xunta de Galiza e reclame, neste caso, que permaneza activa e vixiante para que as novas medidas sanitarias da nova vaga non teñan consecuencias irreversíveis na economía da cidade que xa de por sí, arrastra unha situación socioeconómica moi grave.
Do mesmo xeito, piden, desde o BNG, a implicación do concello de Ourense no reclamo á Xunta de Galiza para que adopte medidas de apoio económico e particularmente, axudas directas, para os sectores máis afectados pola evolución epidemiolóxica na cidade de Ourense e que derivan no peche temporal ou na reducción drástica de ingresos en ámbitos coma o hostaleiro, comercial e turístico.