O BNG pediralle á Xunta a súa implicación no restablecemento dos pasos elevados suprimidos no Concello de San Cibrao das Viñas como consecuencia das obras do AVE
Desde a formación nacionalista denuncian que como consecuencia das obras da liña de alta velocidade, suprimíronse pasos elevados, cos riscos e dificultades na mobilidade que iso xera no conxunto da veciñanza do municipio
Ourense, 08 de outubro de 2020. O Grupo Parlamentar do BNG no Pazo do Hórreo a través dos deputados por Ourense, Noa Presas, Iago Tabarés e María G. Albert, veñen de rexistrar na cámara galega unha proposición non de lei co obxecto de que a Xunta de Galiza se implique na reposición dos pasos elevados suprimidos como consecuencia das obras da alta velocidade ao seu paso polo Concello de San Cibrao das Viñas.
O proxecto, no treito Taboadela-Ourense, establecía a necesidade de eliminar diversos pasos elevados sobre a vía e a súa posterior reposición, de xeito que a comunicación viaria e peonil entre as poboacións existentes a ambas marxes da vía non se visen nin afectadas nin sobor de todo, perxudicadas.
No proxecto, contemplábase, entre outros, a construcción dun paso elevado que cruzaba o camiño de ferro comunicando as poboacións de Castroverde e Calvos na estrada OU-40.
O que denucian desde o BNG é que a obra finalmente executada non se corresponde co proxecto presentado, nin no punto de reposición, nin na súa configuración e servizo. Segundo afirman os nacionalistas, a obra realizada consiste nunha calzada cunha extraordinaria pendente, chegando a superar nalgúns puntos o 20% e a cal remata nunha intersección con forma de "T".
O vial construído sobre as vías conforma unha pronunciada pendente que desemboca ademáis e de xeito directo nun vial cun tránsito que non pode considerarse menor. O BNG pon de manifesto que ese vial, por mor da proximidade co polígono industrial e mesmo da cidade do transporte, acumula tráfico moi intenso de vehículos pesados, o que engade perigoridade ao trazado.
Outro dos puntos que, a ollos do BNG, requiren subsanación, é o feito de que na obra executada, omítense as beirarrúas para o tránsito de peóns, incumprindo polo tanto a finalidade última do paso elevado. Este feito provoca graves dificultades á hora de comunicar as diferentes poboacións presentes na zona como poden ser Ponte Noalla, Paipás, Castroverde, Calvos, Santa Cruz, A Castellana, etc.
Para o BNG estamos diante dunha obra que non corresponde co proxecto presentado e que non da o servizo para o cal foi concevida. O que xera é illamento poboacional e constitúe un importante risco para a circulación tanto de peóns como de vehículos.
Por todo elo, desde o Grupo Parlamentar do BNG pediranlle á Xunta de Galiza que realice diante do ADIF, as xestións pertinentes e encamiñadas á reposición dos pasos elevados tal e como estaban previstos no proxecto de actuacións complementarias da liña de alta velocidade Madrid-Galiza, e concretamente no treito Taboadela-Ourense.
Piden tamén a construcción de beirarrúas e a instalación de iluminación, co fin de permitir o seu uso peonil en condicións de seguridade.
Ademáis desta e doutras iniciativas que os nacionalistas promoverán no Parlamento a respeito desta cuestión, o BNG de San Cibrao das Viñas iniciará en vindeiras datas, unha recollida de sinaturas entre a veciñanza das parroquias afectadas, co fin de que se corrixan as eivas anteriormente descritas.