O BNG pídelle ao Goberno Local que comece a elaboración dun novo prego para a limpeza de edificios municipais e evitar deste xeito ter que prorrogar o actual contrato con Aralia Servicios Sociosanitarios SA
Desde a formación nacionalista lembran que xa en setembro de 2021, criticaban a adxudicación de dous dos tres lotes a dita empresa, ao estar inmersa en dous dos máis sonados casos de corrupción, Gürtel e Enredadera, trama esta última investigada pola UDEF e polo Grupo de Delincuencia Económica e o Branqueo de capitais
Ourense, 07 de marzo de 2023. En outubro de 2021 o Concello de Ourense asinaba o contrato limpeza e desinfección das suas instalacións municipais coa empresa Aralia Servicios Sociosanitarios, SA. Este contrato ten unha vixencia de dous anos, mais se o Goberno Local así o estima, pode prorrogarse expresamente por un ano máis, sendo a duración máxima do mesmo de tres anos.
En setembro de 2021, desde o BNG, criticábase a adxudicación de dous dos tres lotes a dita empresa, ao estar inmersa en dous dos máis sonados casos de corrupción, Gürtel e Enredadera, trama esta última investigada pola UDEF e polo Grupo de Delincuencia Económica e o Branqueo de capitais.
En novembro do 2021, e tal e como lembra a concelleira Rhut Reza, “solicitábamos ao concello que se deixara sen efecto o contrato con dita empresa e se procedera a unha nova adxudicación, pois a mesa de contratación, a pesares de recoñecer que Aralia incumpriu as determinacións do prego de claúsulas administrativas e cunha oferta claramente á baixa, algo que se ten demostrado repercute tanto na calidade do servizo como no cumprimento das súas obrigas co cadro de persoal, decidiu considerar subsanábeis as memorias aportadas polos licitadores incumpridores”.
Rhut Reza ten claro que, “outro aspecto que entendemos debe ter en conta o concello é o feito de que, pese a ter abonado as cantidades facturadas pola empresa en tempo e forma, esta non está a cumprir coas traballadoras e traballadores no aboamento das súas nóminas, chegando a comunicarlles que tiñan que seguir traballando pese a que non ían cobrar, tal e como se constatou neste mes de marzo, no que a día 7, e logo da presión exercida polo cadro de persoal, foi abonada a nómina de febreiro”.
Desde o Grupo municipal do BNG veñen de solicitarlle ao alcalde por Rexistro que “inicie á maior brevidade posible a elaboración dun novo prego de licitación do servizo de limpeza e desinfección das instalacións municipais para que estea adxudicado en canto remate a concesión por dous anos de Aralia Servicios Sociosanitarios SA, evitando deste xeito a prórroga da concesión administrativa actualmente en vigor e prevista nos pregos de contratación asinados”.