O BNG presenta un caderno de medidas para a reactivación económica de Ourense
- A formación nacionalista, froito de diversas reunións con autónomos, ofrece propostas de acción inmediata e de reactivación da economía
- Presas sinala que “é hora de construír e de sumar” para evitar a desaparición do comercio e os autónomos
O BNG lanzou un plan de reactivación económica para a localidade de Ourense despois de manter diversas reunións por videoconferencia con autónomos e pequeno comercio do municipio e a comarca. As medidas que recolle a formación nacionalista son achegas para a súa implantación inmediata e outras de medio e longo prazo unha vez superada a crise sanitaria e enfrontar a crise económica e social.
O documento foi presentado por varios representantes da formación nacionalista nas diferentes institucións: o voceiro municipal do BNG no Concello de Ourense, Luis Seara; o voceiro na Deputación Provincial, Bernardo Varela; e a representante da Executiva Nacional, Noa Presas. Estas achegas, para a formación nacionalista, son o resultado do constante diálogo que se mantivo cos autónomos e o pequeno da cidade e a comarca ao longo destas semanas de confinamento a través de videoconferencias.
“Sabemos que é un dos sectores máis afectados durante esta crise e precisa de medidas de emerxencia desde todas as institucións” sinalou a representante do BNG, Noa Presas. Continuou explicando que as medidas presentaranse en todas as institucións: “lanzamos propostas a nivel de Concello, como Deputación así como da Xunta de Galiza e mesmo no Congreso”. As achegas formúlanse en dúas etapas diferentes onde a primeiras recompilan todas as accións urxentes ou inmediatas e, noutro orde, as propostas para a reactivación económica da cidade e a contorna.
Para o BNG, a Xunta de Galiza “está tardando en activar as axudas directas de 3.000 € ou mesmo a moratoria para novos centros comerciais e grandes superficies” segundo destacou Presas entre as achegas formuladas pola organización nacionalista. “Hai que activar medidas de adaptación a unha nova fase de desescalada con criterios sanitarios claros e apoio para que este sector poida sufragar os gastos de re apertura e en materia de seguridade” continuou explicando Presas.
“É hora de construír e sumar e por iso trasladaremos nas próximas semanas estas medidas de impulso que apostan tamén pola marca Ourense e pola súa comercialización” concluíu Presas. A formación nacionalista animou a actuar de maneira inmediata aos gobernos das diferentes institucións co fin de evitar a destrución do pequeno comercio e a desaparición dos pequenos autónomos e autónomas na localidade e na provincia. “Son un sustento principal e básico na economía e traballo na cidade e na comarca de Ourense” finalizaron.