O BNG critica a situación de “risco e desprotección” do GES durante a crise sanitaria en Castro Caldelas

Plaza-de-Castro-Caldelas

A formación nacionalista critica a falta de material de protección e o uso indebido dos vehículos

O BNG critica a situación de “risco e desprotección” do GES durante a crise sanitaria en Castro Caldelas

A organización nacionalista en Castro Caldelas lamenta a situación de desamparo na que se atopa o GES. Sinalaron que a seguridade das traballadoras que protexen a diario ás veciñas resulta fundamental. O BNG ven advertindo que a protección facilitada aos grupos de emerxencia non son os que se establecen no protocolo e, polo tanto, insuficientes.

Hai unhas semanas, a AXEGA instou aos concellos a solicitar o material de protección necesario. O Concello de Castro Caldelas non se amparou nesta axuda a pesares do déficit de material que posuían. Desde o BNG de Castro Caldelas condenaron a mala xestión que está a realizar o goberno municipal. “Os Grupos de Emerxencia Supra municipais están levando a cabo unha labor moi importante na protección das veciñas e veciños nesta crise sanitaria, precisan de materiais que lle aporten seguridade e garantías” sinalaron desde a organización nacionalista.

O BNG denunciou tamén os novos usos que se lle están dando durante estes días a un dos vehículos pertencentes ao GES, considerando “inadmisíbel que non se separe o uso profesional do uso particular”. Asemade, adiantaron que pedirán ao goberno de Castro Caldelas que se faga un bo uso dos vehículos así como unha maior protección para as traballadoras e traballadores.

A día de hoxe, os GES empregan buzos – que non son unipersoais-, guantes de látex, as lentes para desbrozar e unha máscara cirúrxica. “As traballadoras precisan de material de protección que lle aporte seguridade para realizar todas as tarefas de desinfección e coidar así das veciñas e veciños do concello de Castro Caldelas. Non poden ser elas quen teñan que buscar ese material. O goberno do concello ten que xestionar esta crise sanitaria” concluíron desde o BNG.

O BNG critica a situación de “risco e desprotección” do GES durante a crise sanitaria en Castro Caldelas