O BNG presenta emendas aos orzamentos da Xunta para compensar a Ourense
Presenta unha batería de emendas por valor de 50 millóns de euros para compensar a Ourense polas promesas incumpridas de Feijóo e a política destrutiva do goberno PP - Jácome
Prioriza o reforzo sanitario esixindo novos centros de saúde e especialidades para o CHUO e o desenvolvemento económico garantindo recursos para termalismo, rexeneración dos ríos e impulso da zona histórica
Ourense, 01 de decembro de 2021. Noa Presas e Iago Tabarés, deputados nacionalistas por Ourense, avanzaron a batería de emendas por valor de 50 millóns de euros que, a través de propostas específicas e mediante novos programas para o conxunto do país, buscan compensar a Ourense polas promesas incumpridas de Feijóo, a política destrutiva do goberno PP - Jácome e mellorar un Proxecto de Orzamentos lesivo.
Como exemplo das promesas incumpridas Noa Presas sinala “o ámbito sanitario, onde non só hai unha enorme falta de execución de cuestións incorporadas outros anos no papel dos orzamentos, coma o plan director do CHUO, senón que hai débedas históricas que continúan sen ter data e que incorporamos nas emendas, como a construción do Centro de saúde do Vinteún ou a reforma do de Mariñamansa”. Neste sentido “outro dos ámbitos dos servizos públicos que debe recibir un impulso é o da dotación de servizos educativos, estando aínda pendente a necesaria ampliación do CEIP das Mercedes”.
Respecto da atención hospitalaria, novamente “demandamos que o CHUO teña a dotación de persoal adecuada, demandando o incremento do persoal de radioloxía e novas especialidades como xeriatría ou a atención ao ictus que si teñen outros hospitais con poboación de referencia menos avellentada”.
Para o BNG “Ourense precisa unha compensación polo binomio letal de PP e Jácome no Concello de Ourense e diante da degradación extrema que sofre o casco vello propoñemos un Plan para a mellora do casco histórico dotado dun millón de euros e un programa para dinamizar o alugueiro da vivenda nos cascos vellos, que sería estratéxico para a cidade”.
Neste mesmo sentido, a formación nacionalista salienta “a ironía de que nos vendan que Ourense vai ser sede dun congreso termal tendo as termas pechadas pola inutilidade de Xunta e Concello. Propoñemos un Plan de 8 millóns de euros para Ourense Capital Termal que poña fin a este abandono e en conexión cunha partida para arranxar o rianxo da contorna da praza de abastos, máis urxente ca nunca despois das últimas novas respecto da reforma da praza”.
Así mesmo, a formación nacionalista recordou “necesidades imperiosas desatendidas pola Xunta como as melloras de abastecemento e saneamento en Velle, Palmés ou Untes ademais de na propia zona vella, como vemos cada vez que hai fortes tormentas.”
Outra das promesas incumpridas e que non ten un só euro no orzamento é o transporte metropolitano da área de Ourense, que o BNG recolle nas súas emendas esixindo ademais a súa ampliación.
As emendas debateranse no Parlamento Galego nas dúas próximas semanas.