O BNG renova os seus organismos comarcais en Ourense co obxectivo de impulsar o cambio nos concellos e na Galiza
Sarín Núñez, reelixido como responsábel comarcal: “Saímos con máis unidade e cohesión de cara a impulsar un tempo novo para o nacionalismo galego, cun BNG preparado para ampliar espazos na sociedade galega”.
O Bloque Nacionalista Galego vén de renovar os seus órganos internos na comarca de Ourense co obxectivo de reforzar a súa aposta política cara as eleccións municipais de 2023 e os comicios galegos previstos para 2024. A fronte nacionalista volve dotarse dun Consello Comarcal que dá entrada a novas caras para fortalecer o seu proxecto do que destacan o “papel chave” da militancia.
O reelexido responsábel comarcal puxo de relevo durante a asemblea comarcal o medre organizativo que experimentou a organización tanto en militancia como en implantación territorial na comarca de Ourense, “somos unha organización nacional, forte, presente e enraizada en todo o país, que está a vivir un proceso de medre organizativo nos últimos anos e que se marca como un dos obxectivos centrais agrandar a base social do nacionalismo para reforzar o BNG como alternativa política.” Declaraba Núñez.
“É no compromiso militante onde radica a nosa maior fortaleza fronte a outras formacións políticas”, salientou Sarín Núñez, na Asemblea Comarcal celebrada polo BNG de Ourense na que resultou reelixido como responsábel comarcal. “Sen o activismo da nosa afiliación sería imposíbel abarcar eidos de traballo tan importantes como a defensa do idioma, o sindical, o cultural, o feminismo ou o ecoloxismo”
Sarín Núñez encabezou a única candidatura presentada para a renovación do Consello Comarcal, que foi ampliado a 11 integrantes, aos que se sumarán os e as responsábeis locais e unha persoa en representación da organización xuvenil Galiza Nova. A lista mostra unha diversidade territorial e sectorial que evidencia a implantación do nacionalismo na comarca, indicou o responsábel comarcal.
A lista estivo integrada polo propio Serafín, voceiro do grupo muncipal do BNG de Barbadás; a concelleira nacionalista do Carballiño Sofía García (45 anos); Daniel Gómez (44 anos) anterior Responsábel Comarcal, de Ourense; Belén Martínez (60 anos) sindicalista, é do Pereiro de Aguiar; Xose Baltar (38 anos), politólogo é de Palmés, e que resultou electo vice-responsábel comarcal do BNG, e xunto a Serafín Núñez serán os dous representantes da comarca de Ourense no Consello Nacional do BNG. Cabe destacar tamén as novas incorporacións ao Consello Comarcal como Tamara Álvarez (32 anos) voceira do grupo municipal do BNG na Teixeira; Paloma Fidalgo (31 anos) licenciada en filoloxía inglesa e dirección de hostelería, é de San Cibrao; Mariana Rivera (23 anos) graduada en traballo social, cursa estudos de mestrado en xerontoloxía, é de San Amaro; Manuel Pérez (65 anos) profesor na Universidade de Vigo, e voceiro do grupo municipal do BNG en Cea; Ficol (58 anos) exconcelleiro de Leiro; Victor López (44 anos) de Coles; Rosa María Pérez (59 anos) de Vilamarín.
“Tras a Asemblea Nacional e coa finalización deste proceso de renovación comarcal marcouse o peche dunha etapa e o comezo dun novo ciclo, de reforzamento e actualización do proxecto nacionalista do BNG, que buscamos culminar coa consecución dun cambio político transformador en Galiza no 2024, co BNG na presidencia da Xunta.” Indicou Serafín Núñez.