O BNG presentou este luns en Ourense a campaña “facer valer Galiza, contra a crise de prezos, hai alternativas!”
O Portavoz e candidato á alcaldía Luís Seara enunciaron os actos que a formación nacionalista desenvolverá nas vindeiras semanas tanto na cidade como no resto de vilas da comarca e inxeridos dentro da campaña que culminará cunha manifestación en Compostela o 18 de decembro
Ourense, 14 de novembro de 2022. Na mañá deste luns, o BNG de Ourense presentou os actos que ten previsto desenvolver ao longo das vindeiras semanas tanto na propia cidade como no resto de vilas da comarca e inxeridos na campaña presentada hai algúnhas semanas a nivel nacional "Facer Valer Galiza" para combater a crise de prezos derivada da inflación coa mirada posta na xustiza fiscal, o impulso á mocidade e as PEMEs e a intervención no mercado da eléctrico e o da vivenda, entre outras medidas que teñen por obxectivo dotar a Galiza dunha alternativa á política de austeridade e os recortes do PP.
O portavoz municipal e candidato á alcaldía Luís Seara salientou o paquete de medidas que como clara “alternativa de goberno” está enfocado e centrado nas persoas.
Seara defendeu que esta nova crise “débena pagar os que máis teñen” para o que propoñen “unha maior persecución do fraude fiscal e a suba de impostos aos grandes patrimonios, a suba das pensións e os soldos máis baixos ata un 60% do soldo medio actual”. Tamén propuxo “o incremento das contías da RISGA e as axudas contra a violencia machista e a restitución da Tarxeta Básica, suprimida polo Goberno do PP”.
Luís Seara denunciou que neste contexto de empobrecemento xeralizado do pobo galego e de enormes beneficios das grandes eléctricas e grandes fortunas, “cómpre unha alternativa política que sexa unha ferramenta para corrixir a ineficacia dunha Xunta que non pode seguir paralizada” e remarcou as medidas que recolle a formación nacionalista, como a a suspensión dos desafiuzamentos ate o 31 de decembro do 2023 xunto coa limitación do prezo dos alugueiros para 2023 e 2024 e o límite dun 2% de suba para os locais comerciais.
Ademais, para frear o incremento da factura da enerxía das galegas e dos galegos, o BNG propón a intervención da Xunta no sector eléctrico “coa creación dunha empresa pública de enerxía” e o impulso de medidas “para que non sexan os mozos e mozas quen paguen os custos desta crise de prezos”, para o cal apostou por accións como a revisión á alza das bolsas estudantís para protexer ao alumnado en situación precaria.
A campaña dos nacionalistas comeza mañá cun reparto de información a partir das 11:30 h. na rúa do Paseo e continuará polo resto de barrios da cidade nos vindeiros días, tales como A Ponte, O Couto ou mesmo o Campus Universitario. Igualmente desenvolveranse repartos no Carballiño, Trives, O Pereiro ou Castro Caldelas.