O BNG considera que a provincia de Ourense ten suficientes potencialidades para saír da situación comatosa na que a ten sumida o Partido Popular
Bernardo Varela “as propostas do grupo de goberno do PP son propostas descafeinadas, sen ambición e que fan perpetuar esta situación actual e sen ir máis aló”
O voceiro do grupo provincial do BNG non comparte a valoración de “vaso cheo” que transmitiu o grupo de goberno do Partido Popular na Deputación de Ourense no debate do estado da provincia de hoxe, pola contra, Bernardo Varela valora a situación provincial como a dunha provincia que permanece nun estado semicomatoso, cunha baixada de poboación de máis de 30.000 habitantes nos últimos 10 anos, un 10% da poboación total e cun avellentamento poboacional que nos leva a ser a provincia cun maior grado de idade de todo o Estado español.
En canto ás propostas do grupo de goberno, analiza Varela, son proposta descafeinadas sen ambición que fan perpetuar esta situación actual e sen ir máis aló. “Non semella que as solucións aos problemas que padece a provincia pasen por facer máis congresos e máis películas porén semella que iso é o que busca o grupo de goberno, converter esto nun plató do Partido Popular no que os cidadáns de Ourense non sexan os protagonistas”.
Por parte do Bloque Nacionalista Galego trasladamos unha serie de iniciativas, entre as cales encadramos, coma sempre, a necesidade dun reparto xusto de fondos provinciais entre todos os concellos da provincia, e tamén a necesidade de que a explosión que está a ter o sector eólico sexa por un lado regulada cun aproveitamento sostíbel a nivel medioambiental e tamén económico que reverta especialmente na sociedade ourensá, “non pode ser que veñan de fora, se leven a enerxía que produce o noso vento, que nos deixen os impactos medioambientais para nós e sen apenas ningún tipo de beneficio para os que aquí residimos.” Nestes punto non fomos quen de chegar a un acordo para que a deputación se pronunciase ao respecto.
Si se conseguiu un acordo para demandar unha tarifa eléctrica reducida para o alumeado público ou ben propostas como a necesidade dunha articulación do territorio baseada nun transporte público de calidade tanto por estrada como por ferrocarril.
Agardamos que para o vindeiro debate do estado da provincia, se o hai o ano que ven, di o voceiro do grupo provincial, as tornas teñan cambiado e outras políticas sexan protagonizadas desde o grupo de goberno da Deputación provincial, que agardamos non sexa liderada polo PP, senón que a cidadanía entenda que necesario ese cambio que axude a que Ourense, con todo o seu potencial, saia adiante e transforme esta economía que agora nos leva ao fondo.