O BNG propón un modelo sostíbel que garanta o aproveitamento responsábel dos recursos naturais de Ourense.

- Bernardo Varela advirte que “non imos permitir que Ourense se converta nun territorio de sacrificio para o beneficio das grandes empresas foráneas mentres as nosas comarcas sofren as consecuencias ambientais e sociais”
- A respecto das modificacións de crédito dos orzamentos provinciais manteremos unha abstención responsábel, o que non quita que sexamos críticos coa forma de reparto e que entendamos que hai que seguir avanzando no Plan Cooperou
O Grupo Provincial do BNG de Ourense compareceu esta mañá en rolda de prensa dando a coñecer a moción que defenderán no próximo Pleno da Deputación, centrada na explotación dos recursos naturais e minerais da provincia. A comparecencia contou coa presenza de todo o grupo provincial, Bernardo Varela, María Mangana e Xosé Manuel Puga.
O portavoz nacionalista comezou sinalando que esta moción conta con tres pontos clave propostos como pontos de acordo. Primeiro esixir á Xunta e ao Estado que a declaración de proxectos estratéxicos veña acompañada de medidas que impulsen a economía local, como o apoio ao enoturismo, á agricultura ecolóxica ou á economía verde. En segundo lugar, promover unha estratexia de desenvolvemento mineiro sostible, que inclúa o control público das materias primas e a participación pública obrigatoria nun mínimo do 20% nos proxectos extractivos. E en ultima instacia garantir o máximo respecto ambiental, con informes e analíticas periódicas sobre a calidade das augas e a afectación á biodiversidade.
Esta proposta dos nacionalistas parte da denuncia do modelo de espolio ao que están sendo sometidas as comarcas de Ourense, onde diversos proxectos mineiros, hidroeléctricos e eólicos ameazan o equilibrio ambiental e non xeran retorno económico nin social para a veciñanza nin para os territorios afectados.
Varela puxo como exemplo o proxecto de mina subterránea en Doade (Beariz), que malia reducir a súa superficie respecto ao proxecto anterior, segue a supoñer “un impacto ambiental e social moi relevante”. A súa proximidade á ZEC Serra do Cando, a falta de rigor no estudo socioeconómico presentado pola empresa promotora e a ausencia de garantías sobre o emprego e o investimento real foron duramente criticadas polo voceiro nacionalista.
“Non falamos de proxectos que xeren riqueza sostible, senón de operacións extractivas con beneficios privados e impactos públicos”, afirmou Bernardo Varela. “As comunidades locais, os concellos e mesmo a Xunta apenas obteñen vantaxes, mentres se comprometen recursos hídricos, paisaxísticos e ambientais fundamentais para o futuro do territorio”.
Na moción presentada, o BNG tamén fai referencia á central hidroeléctrica de bombeo que Iberdrola pretende instalar entre os encoros do Bao e Cenza, así como á reactivación de múltiples proxectos eólicos, todos eles caracterizados pola súa escasa repercusión positiva nas economías locais.
“Ourense está a converterse nun territorio de sacrificio para os intereses das grandes empresas enerxéticas e mineiras, sen que iso implique melloras estruturais para os nosos concellos”, denunciou Varela.
O voceiro nacionalista concluíu lembrando que “a comarca do Ribeiro depende da calidade das súas augas para manter a súa economía vitivinícola e o seu atractivo turístico. Calquera vertido ou alteración hídrica pode ter consecuencias irreversibles. Non podemos permitirnos máis agresións ambientais sen retorno social”.
O BNG insiste en que o aproveitamento dos recursos naturais só é lexítimo se vai acompañado de beneficios claros e sostibles para a poboación local, co respecto total ao medio ambiente e á biodiversidade galega.
MODIFICACIÓN DE CREDITOS NA DEPUTACIÓN DE OURENSE
O BNG voltou afirmar a súa discrepancia como modelo orzamentario da Deputación, ao cal os nacionalistas xa presentaron unha emenda á totalidade cando se presentaron os orzamentos para 2025, os cales se aprobaron polo apoio dos grupos provinciais de Democracia Ourensana e do Partido Socialista ao grupo de goberno provincial do PP de Ourense.
As modificación de crédito que propón o goberno provincial deixou sorprendido ao grupo nacionalista, así o trasladou en rolda de prensa o seu portavoz provincial, pois 41 millóns de euros representan máis do 30% do orzamento global da deputación.
O grupo de goberno o que traslada é que en vez de facer varias modificación de crédito ao longo do ano, desta volta concéntranas todas en só unha modificación de crédito, sinalaba Varela, que continuou afirmando que habitualmente fan tres modificacións, unha dirixida a aumentar os fondos para o funcionamento da Deputación, e outras dúas modificación de crédito: unha dirixa a concellos e outra dirixida a asociacións e entidades.
“Entendemos que se hai fondos na Deputación eses fondos non son para estar nun caixón agardando, senon que son para reverter no entramado social da provincia de Ourense e especialmente aos concellos menores de vinte mil habitantes, que son aos que ten que repaldar”