O BNG advirte que unha vez máis, a caótica xestión de Jácome provoca o pagamento de 58.000 euros en concepto de xuros

O Grupo municipal nacionalista denuncia que na Xunta de Goberno Local estimarase o recoñecemento de 58.028,61 euros en concepto de xuros de demora polo retraso no pagamento de facturas a Unvi Carroceros, SL
Ourense, 15 de abril de 2025. Innumerábeis son xa as veces nas que o Grupo municipal do BNG ven advertindo da caótica situación na que se atopa o Concello de Ourense desde o punto de vista económico e administrativo desde a chegada de Pérez Jácome á alcaldía. Desde a formación nacionalista tamén teñen advertido que como consecuencia de dita xestión “o Concello ten neste momento unha débeda oculta que por moito que o Alcalde se empeñe en negar, aí está e vemos como o tempo pouco a pouco vainos dando a razón e non hai máis que botar a vista atrás e verificar que cando desde o BNG denunciamos unha débeda coa concesionaria do transporte público de case 17 millóns de euros e que o Goberno Local negaba, apenas un día despois era recoñecida”.
Luís Seara lembra que “hai poucos días desvelamos que o Concello tiña que pagar 60 mil euros de xuros por non devolver a subvención para a execución do proxecto da nova sede do PERI na Praza da trinidade”.
Desta volta, o BNG advirte que na reunión que a Xunta de Goberno Local celebra esta mañá “darase conta dunha nova sentenza, promovida neste caso por Unvi Carroceros, S.L. un dos proveedores dos novos autobuses, e na que se recoñece unha cantidade lixeiramente superior aos 58.000 euros, concretamente 58.028,61 euros, en concepto de xuros de mora por non pagar en tempo e forma as facturas presentadas pola empresa no seu día”.
Luís Seara sinala que “aínda que a cantidade poida parecer pequena tendo en conta as magnitudes que manexa un Concello como o de Ourense, non debemos desprezar que o feito de non saber xestionar e de non abonar as obrigas económicas en tempo e forma, supoñen un gasto engadido en concepto de xuros e que lóxicamente pagamos entre toda a veciñanza”.
O Portavoz do BNG ten claro que “demóstrase que lonxe do que Jácome prometeu ao chegar a alcaldía cando dicía que viña a desenfurruxar a administración e lonxe do seu argumentario, o día a día do Concello de Ourense é cada vez máis caótico e lento” e engade, “o peor de todo e esto é algo que as veciñas e veciños teñen que ter claro é que como consecuencia da actual xestión, estanse perdendo cantidades moi importantes de cartos que son de todas e todos, desta volta son 58.028,61 euros máis que engadir a unha conta que non deixa de medrar”.